Un millón e medio de euros vai destinar a Deputación para impulsar un modelo turístico intelixente, dixital, adaptado e sostible

Pontevedra
20 de xaneiro 2021

Carmela Silva, presidenta de la Deputación, afirma que o Tourist Inside transformará o turismo na provincia a través da tuilización das Tecnoloxías de Información e as ferramentas de dixitalización. A máxima responsable provincial tamén avanzou o Plan Estratéxico de Turismo que se desenvolverá a finais de xaneiro con novas ofertas para o Castelo de Soutomaior

Carmela Silva, presidenta da Deputación, anuncia as novas iniciativas turísticas
Carmela Silva, presidenta da Deputación, anuncia as novas iniciativas turísticas / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva anunciaba este mércores a licitación do programa Tourist Inside no que se investirán millón e medio de euros, a metade financiados pola iniciativa "red.es" do Fondo social Europeo e o resto, 400.000 euros, son achegados pola Deputación Provincial.

Este programa impulsará un modelo turístico que, segundo a presidenta, será "intelixente, dixital, innovador, sostible e adaptado ás novas demandas turísticas". As empresas interesadas contan de prazo ata o mércores 10 de marzo para presentar as súas ofertas. 

Desde a Deputación tamén se traballa no Plan Estratéxico de Turismo a través de mesas temáticas que se desenvolverán durante a última semana de xaneiro. Van levarse a cabo tamén a principios de febreiro as xornadas de sensibilización sobre o Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED). Carmela Silva anunciou tamén novas propostas para completar o atractivo turístico do Castelo de Soutomaior.

Silva sinalou que se transformará coa Tourist Inside o modelo turístico mediante a utilización das Tecnoloxías de Información e Comunicación (TIC) e outras ferramentas de dixitalización co obxectivo de adaptarse ás necesidades das persoas viaxeiras e dos axentes turísticos. 

A presidenta anunciaba a modernización das oficinas da rede Info Rías Baixas, coa posta en marcha de mesas interactivas, welcome centerse, servizos multimedia e a creación de puntos virtuais.

Este proxecto, entre outras opcións, contempla tamén o desenvolvemento da iniciativa piloto da "praia intelixente", coa posta en marcha de ferramentas dixitais para xestionar a auga, o tráfico de acceso aos areais, o control do lixo ou a capacidade da praia nas Rías Baixas.

En canto ao Plan Estratéxico de Turismo, Carmela Silva avanzou a organización das mesas temáticas entre o 27 e o 29 de xaneiro. Serán unha ducia de mesas coa participación de notables integrantes que achegarán coñecementos sobre innovación aplicada á promoción turística, estratexias de comercialización, xestión do dato turístico,  digitialización das  pemes do sector,  gobernanza turística público-privada, na Axenda 2030 e nos protocolos sanitarios, ademais da mellora da percepción da seguridade sanitaria, entre outros temas.

Tamén se desenvolverán entre o 3 e o 10 de febreiro as xornadas de sensibilización para fomentar a incorporación de novas empresas ao Plan de  Calidade de Turismo rías  Baixas, encamiñado a lograr o distintivo do SICTED

Carmela Silva indicou que xa hai máis de 300 empresas para revalidar e lograr o distintivo do SICTED, unha cifra que converte á provincia nun destino de excelencia e referente en canto a calidade turística ao ser a provincia de toda Galicia con máis  disitntivos.

CASTELO DE SOUTOMAIOR

Neste primeiro trimestre do ano o Castelo de  Soutomairo contará cun forte impulso, segundo explicou a presidenta provincial, coa intención de que continúe sendo un foco no atractivo turístico da provincia. Están a realizarse obras por valor de máis de 100.000 euros para mellorar a cuberta e a fachada da edificación. Espérase que finalicen a mediados de febreiro coa instalación de tubaxes e a reconstrución dun tramo do muro de acceso.

Está previsto desenvolver novas propostas relacionadas coa camelia para enriquecer a visita ao Xardín de Excelencia Internacional do Castelo, que conta co Selo Observer. Lanzaranse iniciativas baseadas en experiencias sensoriais en relación coa camelia que irán da man dunha nova plantación de ata 20 exemplares de camelia de té. Con esta acción organizaranse visitas guiadas, guías divulgativas para escolares e actividades para dar valor á futura colleita deste produto.

Tamén continuarán poñéndose nomes de muller a exemplares de camelia, ás de Marían Vinyals, Bela Otero, Rosalía de Castro e Jane Andersen, únense as novas especies: camelia Sofía Novoa, de cor rosa media; e a camelia Juana de Vega, branca e rosada.

Este ano, con motivo do centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán, iniciarase o proceso para ofrecer unha flor de camelia co nome da autora feminista.