A provincia vai promocionarse con 'Somos historias' en Madrid

Pontevedra
16 de marzo 2018

O vindeiro martes 20 ás 19.30 horas no Teatro Rialto da capital desenvolverase un acto promocional que se completará con insercións publicitarias en mupis, quioscos, nos vagóns de trens e do metro de Madrid. Tamén se destacará a figura de María Vinyals

Carmela Silva explica a campaña promocional en Madrid da provincia
Carmela Silva explica a campaña promocional en Madrid da provincia / Mónica Patxot

As Rías Baixas serán presentadas promocionalmente o vindeiro martes 20 de marzo ás 19.30 horas no Teatro Rialto de Madrid. A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, presentaba esta campaña que tentará trasladar a esencia da provincia a través dos diferentes sentidos.

O lema 'Somos historias' será o fío condutor deste acto de promoción turística, presentado polo xornalista Xabier Fortes, destinado a operadores turísticos, medios de comunicación, bloggers, influencers, especialistas en redes sociais, representantes de asociacións empresariais e colectivos galegos. 

Farase un repaso a torres e castelos, xacementos, paisaxes, rutas literarias, relixiosas e espirituais a través de mosteiros ou cemiterios e espazos naturais de interese. 

Durante este evento en Madrid proxectarase o vídeo promocional, que fai referencia á figura de María Vinyals, escritora e articulista que residiu no castelo de Soutomaior e tamén en tres períodos da súa vida na capital española. Carmela Silva indicou que o obxectivo é que os madrileños "namoren" desta muller adiantada ao seu tempo.

A presentación da campaña tamén contará cunha degustación gastronómica cos produtos típicos de diferentes localidades da provincia. A este acto sumarase a presenza de anuncios en mupis, quioscos, ademais de vagóns de trens e de metro. A campaña continuará noutras cidades de relevancia na península como Barcelona, Lisboa e Porto.

CASTELO DE SOUTOMAIOR

A presidenta provincial tamén anunciaba este venres que antes do 15 de maio se inaugurarán as obras de musealización que se acometen no castelo de Soutomaior.

Anunciou que, por primeira vez, o recinto contará cun centro de recepción, tras un investimento de 300.000 euros. Con este novo espazo obteranse datos das visitas aos xardíns. 

Carmela Silva indicou que as salas ofrecerán desde recreacións en tres dimensións a vídeos nas diferentes localizacións. Tamén se instalarán grandes caixas máxicas, que irán cambiando de imaxes cando os visitantes achéguense.