A reconstrución do peche do Pazo de Quintáns concluirá a mediados de xaneiro

Sanxenxo
13 de decembro 2022

A actuación financiada con fondos propios municipais ascende a 47.464 euros

Muro perimetral do Pazo de Quintáns
Muro perimetral do Pazo de Quintáns / Concello de Sanxenxo

Os traballos de reconstrución do peche perimetral do Pazo de Quintáns avanzan a bo ritmo tras a retirada do valado antigo, a roza do espazo e o inicio das escavacións para instalar a nova estrutura. Agárdase que conclúa a obra na primeira quincena do mes de xaneiro.

A actuación financiada con fondos propios do Concello de Sanxenxo ascende a 47.464 euros e centrarase na reposición das pastas de pedra gris nos tramos nos que están rotas ou derrubadas, así como o seu encintado. Na entrada, xunto ao hórreo, instalaranse ademais dúas columnas para reforzar o novo acceso á parcela. 

Esta actuación conta co permiso de Patrimonio, un trámite necesario ao ser o Pazo de Quintáns un Ben de Interese Cultural desde febreiro de 2017.

Mentres se executa esta obra, o Concello continúa coa tramitación para licitar a segunda fase de recuperación e rehabilitación do Pazo de Quintáns. O proxecto, cuxo orzamento ascende ata os 849.761 euros, conta cunha subvención do Plan de Sustentabilidade Turística dos Fondos Next Generation e propón actividades nas que se inclúen a recuperación dos espazos exteriores, o saneamento xeral do muro de peche, a recuperación dos ocos de paso no valado interior e a mellora da permeabilidade entre os diferentes espazos, patios e xardíns do pazo.

Unha das parcelas do conxunto destinarase á execución dunha edificación consistente nun espazo multidisciplinar, no que se propón acoller diferentes eventos como congresos, charlas ou eventos, que contribúan á difusión e coñecemento do Pazo de Quintáns.

O proxecto inclúe tamén a recuperación do xardín botánico presente ao leste do pazo, así como a recuperación do carácter hortícola de parte do patio de labranza. O acondicionamento do mesmo prevese mediante carreiros de grava. Outra das accións previstas é a mellora das condicións de acceso ao Pazo de Quintáns, para o que se adecuará o camiño de entrada, crearase un aparcamento e un espazo para a manobra de autobuses e furgonetas de servizo.