Ultiman as bases para crear o Centro da Cultura Gastronómica Rías Baixas no Pazo de Quintáns

Sanxenxo
26 de xullo 2023

O proxecto definitivo elévase a 1,2 millóns de euros coa intención de crear un espazo singular e de atractivo turístico para toda Galicia. O Concello de Sanxenxo prepara o prego para sacar a licitación este espazo que contará con nove servizos

Pazo de Quintáns
Pazo de Quintáns / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo traballa na preparación do prego para sacar a licitación o Centro da Cultura Gastronómica Rías Baixas, que terá a súa sede no Pazo de Quintáns.

O proxecto definitivo alcanza os 1,2 millóns de euros e céntrase nun espazo singular dentro das ofertas turísticas de Galicia. Terá carácter multidisciplinar coa intención de desenvolver o sector agroalimentario e culinario.

Está previsto, segundo o goberno local, que se establezan nove servizos.

1. Espazo exterior.

2. Bar-Restaurante-Tenda. Aquí as persoas que visiten o Centro da Cultura Gastronómica terán a oportunidade de degustar e comprar produtos gastronómicos locais de calidade. Incorporaranse elementos museo gráficos para coñecer viños, marisco, peixe, queixos e outros produtos das terras do Salnés.

3. Recepción. Un monitor ofrecerá imaxes atractivas para os visitantes e establecerase información coa axenda de actividades.

4. Aula de presentación de produtos. Espazo onde se celebrarán conferencias, seminarios ou cursos de formación.

5. Produtos de tempada. Un ámbito para mostrar o ciclo biolóxico dos alimentos e a avaliación da gastronomía tradicional.

6. Dieta atlántica, gastronomía e saúde. Será unha sala para ofrecer información sobre esta dieta baseada no peixe, marisco, froitas, hortalizas, lácteos, aceite de oliva e consumo moderado de carne.

7. Paisaxes con olor e sabor. Será a planta primeira e o espazo máis amplo do pazo. Aquí ofrecerase datos sobre a explotación agropecuaria e pesqueira en relación coa alimentación e a gastronomía. Distribuiranse contidos en cinco apartados: mar, costa e rías; ademais de cultivos e viñedos; e bosques e ríos.

8. A alquimia dos fogóns da "lareira" á indución. Aproveitarase a "lareira" que se atopa no pazo e analizarase a evolución na cocción de alimentos.

9. Aula de gastronomía / Entre tradición e innovación. Espazo museográfico que tamén ofrecerá un lugar como aula de gastronomía para realizar demostracións de cociña, catas e cursos.