A recuperación de Tambo, pantallas acústicas na Barca ou a titularidade da Casa do Ateneo, nas emendas do BNG aos orzamentos do Estado

Poio
15 de novembro 2021

O alcalde de Poio, Luciano Sobral; a responsable local do BNG, Marga Caldas e o responsable comarcal da formación nacionalista, Demetrio Gómez; compareceron este luns ante os medios de comunicación para dar conta destas "demandas históricas".

Marga Caldas, Luciano Sobral, Demetrio Gómez e Raquel Rodríguez
Marga Caldas, Luciano Sobral, Demetrio Gómez e Raquel Rodríguez / PontevedraViva

O proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PXE) de 2022 iniciou a súa fase decisiva no Congreso coa votación dos seus distintos apartados e das emendas presentadas polos distintos grupos. Hai 5.280 emendas rexistradas, varias delas foron presentadas polo BNG recollendo demandas do Concello de Poio.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral; a responsable local do BNG, Marga Caldas e o responsable comarcal da formación nacionalista, Demetrio Gómez; compareceron este luns ante os medios de comunicación para dar conta destas "demandas históricas".

Trátase da dotación de pantallas acústicas para atallar o ruído da autoestrada na zona do Peirao da Barca ou a "recuperación patrimonial e ambiental" para uso público da Illa de Tambo. Tamén se demanda o acondicionamento e recuperación do dominio público marítimo-terrestre entre A Barca e Lourido que permita conectar as dúas áreas recreativas construídas sobre recheos de marismas, e para a que se solicita unha partida de 200.000 euros.

Este ano, como novidade, o BNG suma unha emenda máis referida á Casa do Ateneo de Combarro para recuperar a titularidade deste inmoble –que reclama un particular– e que segundo consta en varios documentos foi adquirido no seu día polo Estado para darlle un destino cultural.

Luciano Sobral sinalou que "en Poio o Estado é certo que non ten moitas infraestruturas" e indicou que as emendas que presenta o BNG respecto a este municipio son "asumibles" e suman "cantidades ridículas".

Á espera do que suceda nas próximas negociacións, por agora, "o BNG non está conforme co orzamento que presenta o Goberno do Estado español" e por iso presentou preto de 280 emendas por valor de 1.500 millóns "para mellorar a calidade de vida dos veciños deste país", segundo destacou Demetrio Gómez.