A rede de composteiros chega ao colexio de Portonovo

Sanxenxo
08 de novembro 2021

En Sanxenxo, xa contan con este tipo de elemento o colexio da Florida e o de O Telleiro

O colexio de Portonovo conta cun composteiro
O colexio de Portonovo conta cun composteiro / Concello de Sanxenxo

O colexio de Portonovo conta desde hai uns días cun composteiro, un aireador, un termómetro e estructurante. O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, e a técnica de Medio Ambiente, Mela Méndez, acudiron ao centro educativo cun operario municipal para proceder á instalación do recipiente, con capacidade para 250 litros, nunha zona do patio exterior.

Durante a colocación do composteiro, a técnica de Medio Ambiente explicou o correcto funcionamento e os pasos para seguir para que o tratamento de residuos orgánicos sexa o correcto aos alumnos de 5º e 6º de Primaria. O compost resultante dos restos das merendas e do comedor será utilizado como fertilizante do horto e do xardín do centro educativo.

En Sanxenxo, xa contan con este tipo de elemento o colexio da Florida e o do Telleiro. A iniciativa concíbese como unha oportunidade para a formación ambiental, xa que son os propios escolares e docentes os encargados de vixiar a operativa desde o punto de vista técnico, mantendo un estrito control sobre parámetros de gran relevancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, garantindo desta forma a obtención dun compost de alta calidade.

A Concellería de Medio Ambiente leva repartidos desde 2009 entre os veciños do municipio case 300 composteiros individuais. Cada persoa xera unha media de 433 gramos de biorresiduos ao día. Coa instalación dun composteiro individual cada vivenda de Sanxenxo pode tratar un 600 kg ao ano, para transformalos nun abono de excelente calidade. 

As persoas interesadas en contar cun composteiro na súa vivenda poden chamar ao teléfono da oficina de Medio Ambiente, 986 744 909, ou a través do correo electrónico [email protected]

Sanxenxo conta ademais con dous composteiros comunitarios, un no parque do Espiñeiro, e dous nun hotel, dentro dunha experiencia piloto de macrogeneradores de residuos orgánicos.