Está previsto que nos próximos días se instalen tres novos centros de compostaxe comunitaria en Nantes, Baltar e Sanxenxo, que foron adxudicados por 41.824 euros. Estes tres novos espazos súmanse ao que xa está en marcha no parque do Espiñeiro de Portonovo.
O Concello de Sanxenxo indica que con esta rede de composteiros se quere xestionar a fracción orgánica dos residuos municipais de maneira sostible reducindo a cantidade de residuos orgánicos que se depositan na bolsa de lixo.
Ademais vai iniciarse a repartición de cen composteiros individuais gratuítos que se repartirán entre residentes do municipio que o soliciten na oficina de Medio Ambiente. Juan Deza, concelleiro deste servizo, sinala que xa se entregaron en anteriores campañas un total de 300 composteiros no Concello.
Ademais, o goberno local adxudicou á empresa Hitraf a compra de dúas biotriturados por unha cantidade de 48.689 euros para tratamento de restos de poda. A idea é que se utilicen como material estruturante dos biorresiduos nos composteiros comunitarios.
A intención do Concello é rebaixar nun 40% as emisións de gases efecto invernadoiro en Sanxenxo. Estas intervencións contan co cofinanciamento nun 90% do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia, que financia a Unión Europea a través do programa Next Generation. O Concello asume o 10% e o IVE.
Para a xestión doutros residuos especiais, Sanxenxo dispón dun punto limpo na parroquia de Padriñán e dun sistema de recollida de voluminosos a través do teléfono 638 240 885 (de 9 a 14 horas de luns a venres).