Os técnicos do Plan Revitaliza supervisarán os composteiros individuais nos domicilios en Sanxenxo

Sanxenxo
06 de febreiro 2023

A Concellería de Medio Ambiente aínda ten dispoñibles composteiros gratuítos para veciños e veciñas do municipio

Traballos nos composteiros do Plan Revitaliza
Traballos nos composteiros do Plan Revitaliza / Mónica Patxot

Os técnicos en compostaxe realizarán a partir da próxima semana un total de 262 supervisións dos composteiros individuais por domicilio en Sanxenxo. O obxectivo é realizar unha primeira visita, previo contacto telefónico, para corrixir posibles erros no uso e unha segunda, para verificar que se está realizando o tratamento dos residuos orgánicos de forma correcta. 

Nestas visitas realizarase unha toma de datos sobre os composteiros, analizarase o seu funcionamento e resolveranse todas as dúbidas ou dificultades que os veciños poidan ter coa finalidade de optimizar ao máximo a utilización dos composteiros.  Estas visitas realízanse grazas á colaboración do Plan Revitaliza da Deputación Provincial.

O Concello de Sanxenxo leva anos apostando pola reciclaxe e pola redución de residuos orgánicos. Desde o departamento de Medio Ambiente colocáronse no pasado ano tres novos centros de compostaxe comunitaria en Nantes, Baltar e Sanxenxo. Estes tres novos espazos súmanse ao que xa está en marcha no parque do Espiñeiro de Portonovo. Con esta rede de composteiros quérese xestionar a fracción orgánica dos residuos municipais de maneira sostible reducindo a cantidade de residuos orgánicos que se depositan na bolsa de lixo. 

Ademais, aínda están a disposición composteiros individuais gratuítos que se repartirán entre residentes do municipio que o soliciten na oficina de Medio Ambiente. Xa se repartiron un total de 400.

Nas próximas semanas incorporaranse ao departamento de Parques e Xardíns dúas biotrituradoras para tratamento de restos de poda. A idea é que se utilicen como material estructurante dos biorresiduos nos composteiros comunitarios.

A intención do Concello é rebaixar nun 40% as emisións de gases efecto invernadoiro en Sanxenxo. Estas intervencións contan co cofinanciamento nun 90% do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia, que financia a Unión Europea a través do programa Next Generation. Para a xestión doutros residuos especiais, Sanxenxo dispón dun punto limpo na parroquia de Padriñán e dun sistema de recollida de voluminosos a través do teléfono 638 240 885 (de 9 a 14 horas de luns a venres).