A reforma da lei do aborto é "absolutamente inaceptable" para o Concello de Pontevedra

Pontevedra
30 de decembro 2013

"Pretenden volver a quitarlle ás mulleres o poder de decisión sobre a súa vida e a súa maternidade poñéndoo a disposición dos xuízos morais de persoal sanitario, xurídico e técnico", afirmou Agustín Fernández, quen criticou que as crenzas dun ministro sexan elevadas a texto legal. "Este goberno municipal non vai ser cómplice de semellante retroceso", unha decisión, dixo, "que nos deixa moi lonxe do resto de Europa"

Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra
Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra / PontevedraViva

A reforma da lei do aborto é a "máxima expresión do atraso social que estamos a vivir". Así se valora desde o Concello de Pontevedra o anteproyecto presentado polo Goberno. Trátase dunha decisión "absolutamente inaceptable", segundo o portavoz do goberno municipal, Agustín Fernández. Por iso, a Xunta de Goberno esixe a retirada "inmediata" desta reforma e manter a lexislación vixente, que aposta por unha regulación de prazos.

"Pretenden volver a quitarlle ás mulleres o poder de decisión sobre a súa vida e a súa maternidade poñéndoo a disposición dos xuízos morais de persoal sanitario, xurídico e técnico", afirmou Agustín Fernández, quen criticou que as crenzas dun ministro sexan elevadas a texto legal. "Este goberno municipal non vai ser cómplice de semellante retroceso", unha decisión, dixo, "que nos deixa moi lonxe do resto de Europa".

Por iso, a Xunta de Goberno, sen esperar ao próximo Pleno municipal onde previsiblemente aprobarase unha declaración institucional, mostra o seu "total rexeitamento" a un anteproyecto que "reduce a capacidade legal das mulleres para ser libres, equiparándoas, por exemplo, as mulleres do Irán", apuntou ou concelleiro socialista. "A liberdade das mulleres é un dereito que unha sociedade xusta non debe pisotear".

Neste sentido, Fernández avanzou que se esta reforma mantén o seu curso durante a súa tramitación parlamentaria "será o momento de retomar unha importante mobilización social" para defender un dereito "conquistado hai moitos anos".