As obras de reforma da rúa Cruz Vermella comezarán a próxima semana. Así o anunciou o concelleiro Demetrio Gómez. A falta dos últimos trámites administrativos, o goberno municipal calcula que será "a golpe de mércores".
Os operarios da empresa Covsa, compañía que executará estes traballos, terán como primeiro labor a creación da nova praza peonil que estará entre as instalacións da Cruz Vermella e o colexio Manuel Vidal Portela.
A intención é que este novo espazo estea "practicamente rematado" en setembro, para que a comunidade educativa do centro poida acceder ás aulas "con total normalidade" e gozando desta nova área peonil.
Demetrio Gómez avanzou que, ademais, antes de que comece a intensa actividade festiva e deportiva do verán terase que cortar ao tráfico a rúa Pai Gaite para retirar os grandes plátanos "con completa seguridade".
O operativo, que estará coordinado coa Policía Local, está pensado para facilitar un traballo que é "complexo", dando que hai que "actuar moi ben" para que as ramas que pasan por encima do pavillón non danen as instalacións ao ser retiradas.
Desde o goberno municipal lembran que esta reforma integral, que inclúe tamén outras rúas da contorna como Salustiano Portela Pazos, Álvaro Cunqueiro e a Praza da Castaña, ten un prazo de execución de dez meses.
Ante calquera problema que poida xurdir, avanzou Demetrio Gómez, "estaremos cos veciños", cos que terán xa unha primeira reunión a partir do próximo luns día 9 de xullo para comprobar como avanzan os traballos nos seus primeiros días.