O goberno municipal expresou a súa satisfacción coa evolución da obra de reforma urbana da rúa do Gorgullón. "Van moi ben e estamos cumprindo os prazos", sinalou o responsable de Mobilidade, Demetrio Gómez, que asegurou que os traballos prevén estar terminados no mes de outubro.
A obra, que executa a empresa EC Casas, xa permite contemplar o aspecto estético que a rúa terá cando termine a súa reforma. "Aínda faltan cousas", apuntou o edil do BNG, como varios "detalles" en superficie ou a colocación do arboledo e do mobiliario urbano.
O resultado, entende Demetrio Gómez, converterá ao Gorgullón nunha "zona nobre" da cidade que "non desmerece" a outras áreas urbanas reformadas nos últimos anos.
"Estamos encantados de como vai evolucionando a obra", destacou.
Para a circulación do tráfico, a rúa quedará restrinxida a residentes e servizos. Invertirase o seu sentido e os usuarios entrarán polas inmediacións da estación de autobuses e sairán pola rotonda de Uxío Novoneyra. Nesa zona, ademais, suavizouse a pendente para que tanto os coches como os peóns saian con maior facilidade.
Das tres rúas perpendiculares entre o Gorgullón e Eduardo Pondal, unha delas -a rúa do Muíño- será peonalizada, mentres que as outras dúas -a rúa da Moa e a travesía de Eduardo Pondal- quedarán en sentido de subida cara a Eduardo Pondal, co obxectivo de que "só teña sentido" entrar como residente ou para realizar un servizo.
Coa reforma do Gorgullón e a recente obra en Virxe do Camiño, o Concello destaca que os tramos urbanos do Camiño Portugués queda "realmente moi completo" tras darlle un "impulso moi importante" nos últimos anos.
Demetrio Gómez recoñece que, a pesar diso, "faltan cousas" e o próximo obxectivo será a reforma da rúa da Santiña, que se rehabilitará durante este mandato.
CORTE DO PUENTE DO BURGO
Con respecto ao corte da ponte do Burgo ao tránsito peonil, medida criticada polos comerciantes do centro histórico, o edil de Mobilidade lamentou non poder atender esta petición. Lembrou que esta obra está cofinanciada polos fondos europeos que existen que "cumpramos os prazos", unha cuestión na que Bruxelas é "estricto".
"Non podemos esquivalo de ningunha maneira", sinalou, a diferenza das obras que impulsa o Concello en solitario, onde "podemos ser elásticos". A empresa que executa a reforma entende que para poder terminar a obra a tempo "hai que ter o taboleiro da ponte pechado durante un par de meses", engadiu Demetrio Gómez.
Ademais, explicou que ante un dos elementos "máis monumentais" do Camiño Portugués hai que traballar "moi ben e con moito coidado" para que a reforma "quede perfecta", outro motivo polo que os técnicos desaconsellan o paso dos peóns.