Tras unhas obras previas de recuperación parcial, o barrio do Cabo afrontará nos próximos meses un proceso de rehabilitación integral. Así o destacou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, que anunciou a licitación do contrato para recuperar este barrio mariñeiro situado en Lourizán, en torno ao colexio dos Praceres.
En total, o Concello valora estes traballos en 216.000 euros.
A intención do goberno municipal é mellorar o acceso a O Cabo desde Praceres, reordenar os aparcadoiros nas inmediacións do colexio, rehabilitar de forma integral as pequenas rúas do barrio, mellorar o acceso á praia do Cabo e renovar toda a iluminación.
As empresas que opten a realizar estas obras deberán comprometerse a executalas nun prazo máximo de catro meses.
Ademais, o Concello aprobou tamén a licitación do proxecto para a mellora da seguridade viaria na parroquia de Salcedo.
O prezo de licitación ascende a 130.505 euros. As obras, polas que se construirán 43 lombos, tamén teñen un prazo de execución de catro meses.