A reforma integral do Pazo Emilia Pardo Bazán será compatible co uso do edificio

Sanxenxo
25 de xuño 2024

Coa obra do novo ascensor comezaron os traballos para a reforma integral do Pazo Emilia Pardo Bazán, na que se investirán 1,4 millóns de euros. A previsión é que esta actuación estea terminada a finais deste ano

Auditorio Emilia Pardo Bazán Concello de Sanxenxo

Coa obra do novo ascensor comezaron os traballos para a reforma integral do Pazo Emilia Pardo Bazán, na que se investirán 1,4 millóns de euros. A previsión é que esta actuación estea terminada a finais deste ano.

O edificio, cunha superficie de 3.000 metros cadrados, construíuse en 2004 e alberga diversas instalacións e actividades relacionadas coa cultura e a educación, entre elas a biblioteca ou o centro de arte de Sanxenxo.

A principal medida de mellora da accesibilidade consiste no cambio de modelo de ascensor a un cuxa cabina cumpra coas dimensións mínimas interiores adaptadas a persoas de mobilidade reducida e a prolongación do percorrido deste ata o soto.

A outra actuación de mellora da accesibilidade consiste na conexión entre plantas segunda e baixo cuberta. A biblioteca de planta segunda atópase conectada coa biblioteca infantil mediante unhas escaleiras, sen conexión mediante ascensor.

Por iso exponse demoler parcialmente as escaleiras, para ampliar o oco existente e poder executar unha plataforma vertical que permita facer accesible a planta baixo cuberta. 

Ademais, colocarase unha nova sinalización adecuada que permita a súa fácil comprensión para persoas con diversidade sensorial, cognitiva e funcional e habilitaranse no aparcamento puntos de carga para coches eléctricos e prazas para bicicletas e para persoas con mobilidade reducida. 

Para evitar as actuais filtracións e deficiencias no illamento térmico, substituiranse de carpinterías exteriores de portas, de maneira que se iguala á carpintería existente; e colocaranse lamas de protección solar móbiles na fachada do pazo.

Na cuberta, pola súa banda, exponse manter a estrutura actual, debido ao excelente material e estado de conservación, mentres que na fachada, substituiranse os paneis metálicos existentes sen illamento por paneis sándwich similar aos paneis de cuberta.

Tamén se mellorará o illamento acústico na zona de biblioteca, sala de música e salas de ensaio, así como en zonas administrativas e despachos para evitar a transmisión de ruído entre espazos de distinto uso e mellorar o acondicionamento acústico. 

Con respecto á iluminación, cambiarase por tecnoloxía LED e modificarase o cableado para que, alí onde exista luz natural, se poida controlar a iluminación con sistemas intelixentes. 

A maiores, realizarase unha instalación fotovoltaica na cuberta do edificio e no aparcamento para parte da enerxía eléctrica consumida no edificio e aproveitada para a carga de vehículos eléctricos sexa de orixe renovable, contribuíndo así ao coidado do medioambiente.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora