Ata o colexio Froebel desprazouse este sábado o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, para presentar o proxecto de reforma do centro, no que se van a investir 1,1 millóns de euros. As obras comenzarán durante o próximo verán.
"Estamos a falar dunha intervención moi agardada pola comunidade educativa, que vai redundar no benestar dos docentes e alumnos do centro", destacou Rodríguez.
O conselleiro quixo mandar unha "mensaxe de tranquilidade" á comunidade educativa do centro e explicou que a prioridade será facer as obras na zona das aulas durante os meses de verán, de tal forma que non faría falta reordenar ao alumnado en módulos móbiles.
A intención do goberno galego é que esta reforma "interfira o mínimo posible" na normalidade da actividade lectiva deste colexio.
As obras, que teñen un prazo de execución de seis meses, inclúe a renovación das cubertas que aínda non foron mudadas, cunha superficie total de case 1.500 metros cadrados.
Este cambio completarase co reforzo estrutural das cerchas e a renovación dos correspondentes canlóns e baixantes. Incorporarase, ademais, illamento térmico nas novas cubertas, de xeito que se reduzan as perdas de calor e colocarase un pararraios.
Tamén está prevista a colocación de trasdosado de xeso interiores en fachadas exteriores para incrementar o illamento térmico e melloraranse os acabados interiores, co cambio de falsos teitos, alicatados, luminarias e portas, tanto en zonas comúns como en aulas.
No que atinxe aos aseos, acometerase a remodelación dos situados na torre central.
A maiores, renovaranse as instalacións de electricidade, fontanería, calefacción e protección contra incendios en toda a área de actuación desta terceira fase, ademais de repoñerse as fiestras do patio interior.
O titular de Educación indicou que esta actuación está próxima á súa adxudicación.