A reforma urbana de Loureiro Crespo amplíase ao barrio do Castañal

Pontevedra
26 de abril 2019

Case tres millóns de euros. É o investimento previsto para a reforma integral da rúa Loureiro Crespo, actuación que será máis ambiciosa do previsto. A petición dos veciños e comerciantes do barrio, tamén se renovarán cinco das principais rúas do Castañal: Ernesto Caballero, Ramón Cabanillas, Forcarei, Ángel Amor Ruibal e Mestre Soutullo

Rúa Ramón Cabanillas, Pontevedra
Rúa Ramón Cabanillas, Pontevedra / Nacho Fuentes

Case tres millóns de euros. É o investimento previsto para a reforma integral da rúa Loureiro Crespo, actuación que será máis ambiciosa do previsto. A petición dos veciños e comerciantes do barrio, tamén se renovarán cinco das principais rúas do Castañal: Ernesto Caballero, Ramón Cabanillas, Forcarei, Ángel Amor Ruibal e Mestre Soutullo.

Desta maneira, segundo explicou o concelleiro de Mobilidade e Obras, Demetrio Gómez, esta zona da cidade, unha das máis populosas de Pontevedra, quedará integrada no modelo urbano e contará cos mesmos estándares dos ámbitos máis céntricos.

A reforma xa coñecida de Loureiro Crespo custará 2.557.000 euros, ao incorporar a renovación das redes de saneamento e abastecemento de augas nestas cinco cales do Castañal. O tratamento en superficie de todas elas, que supoñerá un investimento adicional de 341.000 euros, incluirase como mellora no contrato e serán asumidas polos licitadores.

O edil explicou que a reforma das cinco rúas do Castañal non será igual en todas elas, xa que terán un tratamento diferenciado en función das súas características.

Así, no primeiro tramo de Ernesto Caballero -entre Loureiro Crespo e Ramón Cabanillas- e a propia Ramón Cabanillas manterase a separación de peóns e o tráfico rodado, cun carril de circulación, beirarrúas en formigón negro confinado en bandas de pedra, árbores en alcorques e diverso mobiliario urbano.

Pola súa banda, as rúas Forcarei, Amor Ruibal e o segundo tramo de Ernesto Caballero pasarán a ser de plataforma única e Mestre Soutullo recibirá o mesmo tratamento que a avenida de Lugo, con beirarrúas en baldosa e cun carril diferenciado para a circulación.

As obras completaranse cunha pequena actuación na Praza das Regas. A intención é converter esta zona nunha especie de distribuidor de tráfico no barrio, actuando como unha especie de rotonda. Ademais, habilitaranse beirarrúas no tramo de Ramón Cabanillas que delimita un dos extremos da praza. Custará uns 19.000 euros máis.

O Concello manterá unha nova reunión cos veciños e os comerciantes do barrio o próximo 2 de maio para presentarlles o proxecto definitivo.

A intención é comezar as obras despois do verán, tanto a reforma de Loureiro Crespo como as destas cinco cales do Castañal, en función dun calendario que aínda está por determinar. Terán un prazo de execución dun ano.

O resto das rúas do Castañal, segundo garantiu Demetrio Gómez, serán reformadas nunha segunda fase.