A reforma viaria prevista na contorna do CEIP de Santo André de Xeve acabará no verán de 2024

Pontevedra
15 de febreiro 2023

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, achegouse este mércores ata a zona para comprobar o avance destes traballos iniciados en xaneiro. Está prevista a construción dunha rotonda de case 30 metros de diámetro e sendas peonís para facilitar o acceso do alumnado ao centro. Tamén van construírse prazas de aparcamento, unha das principais demandas da comunidade escolar

Carmen Gil, Ethel Vázquez, Jeanne Picard, Lupe Murillo e Martín Martínez
Carmen Gil, Ethel Vázquez, Jeanne Picard, Lupe Murillo e Martín Martínez / Consellería de Infraestruturas e Mobilidade - Xunta de Galicia

Nos últimos anos, o CEIP de Santo André de Xeve sofre un "caos" circulatorio nos horarios de entrada e saída ao centro. Así o narraba a directora do centro Carmen Gil ante Ethel Vázquez, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, que visitaba este mércores as obras que tentarán paliar esta situación cun investimento superior aos dous millóns de euros.

Os traballos iniciáronse no mes de xaneiro e desenvolveranse nas dúas estradas autonóminas que rodean ao centro de estudos, a PO-223 e a PO-224. O proxecto contempla un conxunto de actuacións integrais e transformadoras que teñen como principal fin ofrecer unha contorna máis segura e sostible aos núcleos urbanos do Couso e Sobral.

Ethel Vázquez explicou que na fase inicial están a acometerse os traballos na zona do aparcamento coa instalación da canalización para telefonía e retirada de peches. A previsión é que se constrúa unha senda de uso compartido para peóns e ciclistas non deportivos ao longo da PO-223.

Estenderase ao longo de dous quilómetros cun ancho de dous metros "conectando zonas de interese e o colexio, para garantir a accesibilidade, con mellora de interseccións", avanzou a conselleira. A senda discorrerá pola parte dereita da vía onde se atopan máis vivendas e realizaranse intervencións nas interseccións coa creación de semiglorietas e cuñas de aceleración e desacelaración para facilitar a incorporación á vía.

En relación coa PO-244 construirase unha glorieta de preto de 30 metros de diámetro, fronte á entrada do centro escolar, para mellorar a seguridade viaria e establecer o acougado de tráfico na zona con presenza de pasos de peóns con iluminación. Crearase tamén unha senda que conecte o colexio e o núcleo de Sobral, conectando a vía de acceso a este punto co novo aparcamento do centro, unha das principais demandas de nais e pais.

Crearanse 27 novas prazas en batería, ademais de 18 para a comunidade educativa e catro para autobuses, facilitando as manobras destes vehículos. A estes espazos sumarase tamén unha carril exprés fronte ao centro escolar, denominado "kiss and ride", que permitirá a baixada e recollida rápida do alumnado garantindo a seguridade.

Tamén se mellorarán seis paradas de autobús, a ambas as marxes, e incluirase un pequeno tramo de senda peonil e ciclista na glorieta de intersección coa vía a Monte Porreiro, como reclamaba o colectivo Pedaladas.

As obras teñen un período de execución de 18 meses, polo que está prevista a súa finalización no verán de 2024. 

Carmen Gil, directora do CEIP, mostrou a súa satisfacción polo inicio destes traballos porque "imos poder saír do centro. Ata agora non atreviámonos a saír cos nenos a pé porque é moi perigoso", afirmaba xa que esta contorna carece de beirarrúas. "Agora poderemos ensinarlles a zona, sen depender dun autobús", manifestou.

Jeanne Picard, delegada de Stop Accidentes, que xunto ao alumnado e a comunidade educativa, achegou ideas a este proxecto, mostraba tamén a súa alegría polas melloras que suporá este investimento para os escolares en canto á creación de espazos seguros de acceso ao centro: "venir y salir andando con el compañero es indispensable. Es salud para los alumnos", explicou sinalando que son numerosos os colexios do rural que presentan problemas de accesibilidade.

Á visita tamén acudían a parlamentaria autonómica do Partido Popular, Lupe Murillo, e o concelleiro do rural do PP, Martín Martínez.