A Reigosa aproba mobilizacións contra a instalación dun crematorio no polígono

Ponte Caldelas
16 de marzo 2015

A asociación de veciños convocou este domingo unha asemblea urxente de veciños "dado que todo o pobo está moi indignado con este tema". A indignación disparouse nos últimos días, cando coñeceron a través dos medios que o Concello deu licenza para instalar un crematorio de 300 metros cadrados nunha parcela de 1.500 metros cadrados no polígono

Polígono industrial da Reigosa, Ponte Caldelas
Polígono industrial da Reigosa, Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

A oposición veciñal contra a instalación de fornos crematorios xa non é exclusiva de Pontevedra. Na Reigosa, no termo municipal de Ponte Caldelas, os veciños aprobaron iniciar unha serie de mobilizacións contra a decisión do Goberno local de outorgar licenza a un proxecto da funeraria San Marcos.

A asociación de veciños convocou este domingo unha asemblea urxente de veciños "dado que todo o pobo está moi indignado con este tema". A indignación disparouse nos últimos días, cando coñeceron a través dos medios de comunicación que o Concello deu licenza para instalar un crematorio de 300 metros cadrados nunha parcela de 1.500 metros cadrados no polígono empresarial da Reigosa.

Os veciños non están dispostos a permitir que esta instalación se asente tan próxima ás súas casas, de modo que decidiron deixar ver o seu malestar publicamente. Ademais de instalar pancartas de protesta, este xoves día 19 de marzo acudirán ao pleno da Corporación, previsto para as 13.00 horas e no que previsiblemente os partidos da oposición sacarán a relucir o tema.

Ante a oposición xurdida ao proxecto, e as críticas realizadas polo grupo municipal do PSdeG-PSOE, o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, quixo aclarar este fin de semana que o Goberno local outorgou licenza porque é unha actividade permitida e perfectamente apta nun polígono industrial, de acordo coa lexislación urbanística, e porque os concellos teñen obriga de outorgar licenza a todos os proxectos que cumpren a lei ou estaría a cometer unha ilegalidade.

Ademais, Perfecto Rodríguez recorda que un crematorio é unha actividade que nin sequera está sometida ao trámite de incidencia ambiental porque non causa ningunha molestia nin problema ambiental, sobre todo ao estar instalada nun polígono industrial e ao ter as vivendas situadas a máis de 500 metros de distancia. Garante aos veciños que "poden estar totalmente tranquilos".

En relación coas críticas do PSOE, considera que "quere, unha vez máis, confundir e crear balbordo e alarma social totalmente inxustificada" ao comparar a instalación dun crematorio nun parque empresarial coa polémica xurdida en Pontevedra pola intención de construír crematorios dentro dos propios núcleos de poboación ou a unha distancia de 50 metros de cásaas. "Aquí tampouco permitiriamos que se construíse un crematorio no medio dun núcleo ou preto das casas", asegura.