A repartición de máscaras hixiénicas que permitan completar as medidas de precaución establecidas polo Ministerio de Sanidade para o inicio das actividades non esenciais chegou este luns tamén a Pontevedra. A partir das sete da mañá, axentes das policías Local e Nacional empezaron a distribuílas entre os usuarios do transporte público de viaxeiros en puntos como as estacións de tren e autobús e a parada da praza de Galicia.
O mesmo xesto repetírono axentes da Garda Civil, das distintas policías locais e de Protección Civil nun total de 100 puntos da provincia de Pontevedra e repetirase este martes de novo no mesmo horario, co obxectivo de repartir 210.000 unidades que o Goberno estatal enviou á provincia.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, foi a encargada de coordinar a repartición, que se centrou nos puntos onde a concentración de viaxeiros pode ser máis intensa para o desprazamento aos postos de traballo.
Larriba lembrou este luns que "o uso das máscaras non é obrigatorio, pero si recomendable" para frear o avance do coronavirus e que a repartición deste material ten como obxectivo "protexer aos traballadores fronte ao Covid-19 naqueles casos nos que sexan usuarios de transporte colectivo".
Este luns a repartición realizouse entre as sete e as nove da mañá en toda a provincia, centrando a distribución nos transportes públicos de Vigo, Vilagarcía, Pontevedra e Marín, así como nas estacións de tren, os accesos aos portos, polígonos industriais e naqueles nós de circulación onde os traballadores e traballadoras diríxense aos seus posto de traballo.
No caso de Pontevedra tamén se entregaron nas zonas de entrada dos polígonos empresariais de O Vao e O Campiño e no barrio de Monte Porreiro.
A máxima representante do Goberno na provincia quixo agradecer o "esforzo" da Policía Nacional, Garda Civil, as policías locais e os voluntarios de Protección Civil, que compatibilizan esta repartición co control do cumprimento das restricións do estado de alarma.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.