A restauración do cruceiro de Mourente estará lista a próxima semana

Pontevedra
23 de outubro 2019

Os veciños solicitaron o traslado do conxunto para facilitar o paso da procesión e os restauradores ultiman a reconstrución da base, limparon a estrutura e tallaron un novo Cristo

Visita do concelleiro Xaquín Moreda ás obras de restauración do cruceiro da igrexa de Mourente
Visita do concelleiro Xaquín Moreda ás obras de restauración do cruceiro da igrexa de Mourente / Concello de Pontevedra

A restauración e traslado do cruceiro da igrexa de Mourente entra na súa fase final. Os restauradores teñen practicamente rematado o novo alicerce e a cruz, mentres que a base atópase xa no seu novo emprazamento. O obxectivo do goberno local, o concelleiro de Patrimonio Xaquín Moreda visitou este mércores a obra, é completar a restauración a próxima semana para proceder á súa inauguración.

"O cruceiro foi tirado por un coche que non o vira. Había que volver colocalo e os veciños reclamaron movelo uns centímetros porque necesitaban máis espazo para o paso da procesión. Xestionámolo con Patrimonio, autorizouno e tamén levántase uns centímetros porque o primeiro dos escalóns do basamento estaba totalmente tapado polo asfalto", explicou Moreda.

Ademais da restauración, o cruceiro contará cun novo Cristo. "O Cristo que tiña era de cemento e estaba moi mal feito, falámolo con Patrimonio e fixemos un Cristo novo de pedra", engade a restauradora Marta Díaz Fernández, que tamén estivo presente na visita á obra,

Para os veciños, a restauración e traslado deste emblemático conxunto é un soño cumprido. "Levamos esperando máis dun ano por isto e sería unha satisfacción para toda a parroquia ter ou cruceiro preparado", recoñece o presidente da Asociación de Veciños, Genaro Santomé.