A reurbanización da PO-546 en Estribela atrásase ata principios de 2023

Pontevedra
16 de maio 2022

O Diario Oficial de Galicia publica este luns o decreto expropiatorio para impulsar a reurbanización completa dun treito de 500 metros da estrada vella de Marín

PO-546, en Estribela
PO-546, en Estribela / PontevedraViva

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar a primeira fase de acondicionamento da estrada autonómica PO-546, en Estribela, máis coñecida como a estrada vella de Marín.

A Xunta investirá preto de 1 millón de euros na execución das obras que teñen como obxectivo reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade peonil e o acceso ao transporte público, permitirá a ampliación das beirarrúas a un mínimo de 2 metros e anchear puntualmente a vía.

Instalaranse novas luminarias, habilitaranse tres pasos de peóns sobreelevados con iluminación intelixente e renovaranse os refuxios de autobús.

A Consellería de Infraestruturas licitará as obras no segundo semestre deste ano, co obxectivo de comezalas no primeiro semestre de 2023.

A Xunta impulsa unha transformación integral da PO-546 como eixo de mobilidade sostible, con accións tamén entre Mollabao e Os Praceres e desde o final da primeira fase en Estribela ata a rúa Concepción Arenal, en Marín.