A rotura dunha tubaxe asolaga varios pisos e unha oficina bancaria en Loureiro Crespo

Pontevedra
22 de abril 2021

O suceso produciuse ao redor das 1.30 horas da madrugada deste xoves e ao lugar dos feitos acudiron os bombeiros de Pontevedra, que lograron deter a fuga ao redor das 2.45 horas despois de cortar as chaves de paso pero sen poder evitar os graves danos ocasionados pola auga en numerosas vivendas

A rotura dunha tubaxe asolaga vivendas e un baixo dun edificio en Loureiro Crespo
A rotura dunha tubaxe asolaga vivendas e un baixo dun edificio en Loureiro Crespo / Mónica Patxot

Noite pasada por auga, e non pola choiva, a que pasaron os veciños do número 18 de Loureiro Crespo este xoves. Ao redor das 1.30 horas produciuse a rotura da tubaxe comunitaria da auga quente á altura do sétimo piso, o que provocou graves filtracións de auga nas vivendas inferiores e mesmo no baixo, onde se atopa unha oficina de Abanca e do que varias testemuñas viron como saían grandes cantidades de auga cara á vía pública.

A fuga non se logrou deter ata as 2.45 horas despois da chegada dos bombeiros que accederon á sala de caldeiras para pechar todas as chaves de paso e tamén a acometida xeral, polo que os veciños estarán sen auga corrente ata que se resolva a avaría.

"Oimos un ruído como de pedras, pensabamos que era saraiba", lembra Peregrina Poza, unha das veciñas afectadas. Pronto comprobaron que se trataba dunha grave avaría ao ver como se asolagaban varias habitacións do seu fogar. "Caía auga seguido pola cociña e chegou a outros estancias", relata a afectada que tivo que colocar "mantas, coxíns e todo o que absorba" polo chan para evitar males maiores. Aínda así, os danos son cuantiosos. "Estamos á espera de falar cos seguros porque hai cousas de valor e tamén de valor sentimental", puntualiza Poza.

"Rompeu a cano da auga quente e temos o piso asolagado. Están afectados do sexto cara abaixo", resume outra das veciñas afectadas, que tamén viu como unha riada de auga quente asolagaba o seu domicilio.

Os veciños afánanse agora en limpar as súas casas á espera de que os profesionais do seguro valoren os danos e resolvan a avaría.

Ao lugar dos feitos, no que se disparara a alarma da oficina bancaria, desprazáronse os bombeiros de Pontevedra e unha patrulla da Policía Nacional. Xa no interior do edificio os efectivos de emerxencias trataron de cortar a fuga pechando as chaves da sala de caldeiras. Con todo, a auga seguía manando en grandes cantidades polo que decidiron pechar a chave xeral e deixar sen auga corrente a todo o edificio ata atopar unha solución ao problema.