A Rúa Quinteiro, en Trabanca Sardiñeira, renovará as redes de saneamento e pluviais

O Salnés
22 de febreiro 2022

O proxecto inclúese no Plan de Investimentos cun orzamento de 76.110 euros

Concello de Vilagarcía de Arousa
Concello de Vilagarcía de Arousa / Mónica Patxot

Entre as obras que o Concello de Vilagarcía ten previsto levar a cabo este ano nas parroquias do rural e zonas do extrarradio inclúese unha actuación de mellora dos servizos básicos na Rúa Quinteiro, en Trabanca Sardiñeira. 

O Concello xa dispón do proxecto básico e de execución dos traballos que están valorados en 76.010 euros e que se financiarán a través do Plan de Investimentos dos Orzamentos Municipais de 2022.

Aínda que a Rúa Quinteiro dispón do servizo de saneamento, este presenta numerosas deficiencias debido ao deterioro do mesmo pola antigüidade das canalizacións que aínda son de fibrocemento. Por iso o proxecto a levar a cabo consiste en substituír a actual rede por outra nova de PVC que se conectará mediante gravidade coa rede xeral de saneamento que discorre polas proximidades.

Aproveitando a mellora do saneamento, o proxecto prevé tamén a renovación do pavimento xa que o actual se atopa moi deteriorado, con afundimentos que nos días de intensas precipitacións favorecen a formación de bolsas de auga que dificultan o tránsito dos veciños e o acceso ás vivendas. Para evitar esta situación, a actuación completarase coa instalación dun sistema de canalización e recollida das augas pluviais mediante imbornais e canais de drenaxe que tamén se conectará coa rede de pluviais existente na zona da Rúa da Fonte de Trabanca

Os traballos teñen un prazo de execución de 1 mes.

O proxecto da Rúa Quinteiro, e un máis dos varios que o goberno local incluíu no Plan de Investimentos de 2022 no que á ampliación e mellora da rede municipal de saneamento se refire. Outro deles é o da Rúa Carballido, en Cea, cun investimento de 27.943 euros. Tamén no rural está previsto executar con cargo aos orzamentos deste ano a mellora do camiño da Rúa Maceiras, en Aralde e o ensanche da Rúa Centro, en Castroagudín, entre outras actuacións.