A Ruta dos Muíños de Samieira e a senda do Laño, candidatos ao distintivo de sendeiro azul

Poio
07 de outubro 2023

O Concello de Poio presentou a candidatura para acadar a distinción de sendeiros azuis para a ruta dos Muíños de Samieira e a senda do Laño. De conseguilo, duplicaríanse no municipio as rutas con este recoñecemento

Ruta dos Muíños de Samieira
Ruta dos Muíños de Samieira / Concello de Poio

O Concello de Poio presentou a candidatura para alcanzar a distinción de sendeiros azuis para a Ruta dos Muíños de Samieira e a senda do Laño.

De conseguilo, duplicaríanse no municipio os roteiros con este recoñecemento como aposta da posta en valor do patrimonio natural e paisaxístico.

A Ruta dos Muíños de Samieira conta cunha distancia de 5,5 quilómetros entre ida e volta, cunha dificultade baixa, espazo no que se reparten ata 23 muíños ao longo do río Freiría. Todo iso cun percorrido acondicionado e con zonas acondicionadas para o descanso.

Pola súa banda o carreiro do Laño ten o seu inicio no peirao de Covelo, cunha lonxitude total de 1,2 quilómetros percorrendo a costa de Samieira pasando por pequenas praias entre zona arborizada.

Estas dúas propostas únense ás consolidades no sendeiro litoral de Poio e na Variante Espiritual do Camiño Portugués ao seu paso polo municipio.

Segundo explica o Concello de Poio, os criterios nos que se basean os Sendeiros Azuis para poder obter a distinción son aspectos como a información, sinalética e infraestruturas para a xestión de residuos; a conservación e xestión do patrimonio natural e cultural; e tamén a accesibilidade, a mobilidade e o desenvolvemento de actividades de educación ambiental. 

Por ese motivo as candidaturas presentadas inclúen a instalación de postos informativos con datos sobre os muíños, a súa historia e funcionamento, outro coa lenda das campás de Samieira e tamén coa flora e fauna do lugar, mentres que en Laño os paneis darán información sobre a ría de Pontevedra, sobre as bateas e a súa historia e sobre as vistas da franxa costeira que se poden contemplar.