As fortes granizadas rexistradas nas últimas horas provocaron algúns accidentes de tráfico nas estradas pontevedresas aínda que, afortunadamente, non se rexistraron danos persoais. Así, desde a medianoite e ata as 8 horas desta mañá, o 112 Galicia contabilizou varios incidentes pola presenza de xeo.
Segundo informou o 112, o máis destacado de todos eses sinistros ocorreu no quilómetro 135 da AP-9, ao seu paso pola parroquia de Salcedo á primeira hora desta mañá: eran as 6:15 horas cando o condutor implicado, que saíu ileso, explicou ao 112 Galicia que o seu coche dera varias voltas de campá antes de acabar contra a mediana. No momento do aviso xa estaba no exterior esperando polos servizos de emerxencias.
Deste xeito, desde o Centro Integrado de Emerxencias-112 Galicia informouse a Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e Protección Civil de Pontevedra e aos servizos de mantemento da autoestrada.
Un caso similar ocorreu contra as 9:30 horas na AP-9, ao seu paso por Portas, no que se produciu unha saída de vía por mor da sarabia tamén sen feridos.
A neve, por outra banda, afectou a diferentes vías de comunicación de Pazos de Borbén e Rodeiro.