A SCD Salcedo convoca unha nova protesta para este venres reclamando a construción do campo de fútbol

Pontevedra
09 de febreiro 2023

A marcha está prevista ás 19.30 horas deste 10 de febreiro polas rúas de Pontevedra con inicio no Hospital Provincial. Denuncian o "desleixo do goberno local" na creación do campo de herba sintética cando os terreos se atopan a disposición do Concello desde 2020

Proxecto do campo de fútbol de Salcedo
Proxecto do campo de fútbol de Salcedo / Santos Mera Arquitectos

Os integrantes da Sociedad Cultural Deportiva Salcedo decidiron volver saír ás rúas para reclamar a construción inmediata do campo de fútbol, que se demanda nesta parroquia pontevedresa.

A marcha está prevista para este venres 10 de febreiro, a partir das 19.30 horas polas rúas de Pontevedra. O inicio da manifestación será na praza do Hospital Provincial.

Denuncian o "desleixo do goberno local" na tramitación deste proxecto de creación do campo de herba artificial. Lembran desde esta organización que os terreos para esta obra foron postos a disposición do Concello desde o ano 2020.

Achacan ao Concello o atraso na formalización do proxecto, despois de non contemplar no proxecto os servizos eléctricos e de auga. Engaden que, desde hai máis dun ano, era coñecido que unha das empresas adxudicatarias do proxecto estaba en quebra e renunciaba ao proxecto. Lamentan que se teña agardado "ata agora" para formalizar o acordo para realizar a adxudicación pública e revisar o custo.

Denuncian que todo este procedemento atrasará, de novo, varios meses esta obra demandada na parroquia pontevedresa. O Concello anunciou que a licitación do contrato será de 1.978.084 euros, 356.000 máis que na anterior.