A Seca, punto de inicio das visitas aos barrios do PP local

Pontevedra
13 de outubro 2022

Rafa Domínguez, presidente do PP de Pontevedra, achegouse acompañado de varios concelleiros ata A Seca para realizar un percorrido coa presidenta da asociación veciñal Adela Rojo. Os populares reclaman investimentos ao goberlo local ao entender que esta zona da cidade leva case dúas décadas de desamparo

Rafa Domínguez, presidente local do PP, conversa con residentes da Seca
Rafa Domínguez, presidente local do PP, conversa con residentes da Seca /

Rafa Domínguez, presidente do PP de Pontevedra, visitaba nas últimas horas o barrio da Seca, acompañado de varios concelleiros do seu grupo, dentro dos percorridos que ten previsto realizar ao longo dos vindeiros meses por distintas áreas do municipio.

Na Seca mantivo un encontro con residentes, encabezados pola presidenta da asociación veciñal, Adela Rojo "Blanca". A intención dos populares era analizar as necesidades e demandas veciñais comprobando o estado en que se atopa a zona.

Domínguez afirma que "son obvias as carencias que por desgraza sofre A Seca, un barrio cun tremendo potencial". Segundo expón, o último investimento para actuacións de mellora do barrio remóntanse a case dúas décadas e asegura que a veciñanza reclama a atención por parte do goberno local de Pontevedra.

Nesta liña, os populares lembran que hai ano e medio, a concelleira popular Pepa Pardo presentou un plan de humanización integral da Seca, que non foi aprobado en pleno ao opoñerse BNG e PSOE. Desde o PP indican que nese documento se pedía o arranxo das beirarrúas estragadas e as pequenas fochancas, roza da maleza nas beirarrúas e reposición do mobiliario urbano roto ou en mal estado. Tamén se demandaba un plan de desratización. Rafa Domínguez laiase de que aínda non se teña acometido ningunha destas propostas.

Tamén denuncia que non se executou ningún proxecto prometido como o da creación dun parque infantil e unha zona de recreo. Ante as carencias que presenta esta zona da cidade de máis de 9.000 metros cadrados, o representante popular afirma compartir coa veciñanza a necesidade de que se inicie un plan de actuación urxente neste barrio.