A sede de terraza dos pontevedreses pode máis que o frío ou a choiva

Pontevedra
04 de decembro 2020

A hostalería reabre este venres as súas portas lastrados tanto polas estritas restricións horarias e de aforo, como polo temporal. A maioría dos locais permanecen pechados, pero os que se animaron a abrir teñen todas as súas mesas ocupadas

As terrazas da hostalería de Pontevedra volven abrir na primeira fase da desescalada da segunda onda da covid-19
As terrazas da hostalería de Pontevedra volven abrir na primeira fase da desescalada da segunda onda da covid-19 / Mónica Patxot

Un mes despois do peche decretado por Sanidade para conter a segunda onda da pandemia da covid-19, as rúas de Pontevedra volven ocuparse con mesas. Hai poucas, pois a maioría dos hostaleiros decidiron permanecer pechados polas ríxidas restricións de aforo e horario; pero os poucos que se lanzaron a montar as súas terrazas, teñen as súas cadeiras ocupadas. 

"Aquí estamos a inaugurar a tempada tomando unha caña, había moitas ganas", resume o sentir xeral da cidadanía un cliente do Bar Estrela resgardado da choiva, o vento e o frío baixo unha antuca.

Non será nada fácil atopar unha mesa neste tímido regreso da hostalería. O mal tempo non anima a montar mesas en espazos abertos, a maior parte dos locais permanencen pechados e a demanda está polas nubes. "Parece que si que había ganas porque as mesas xa as temos reservadas para hoxe, para mañá e para o domingo", afirma Ángélica Suárez, copropietaria do Bar Estrela, cunha mestura de satisfacción e pena. "Temos ganas de volver á normalidade, desta maneira non se pode soster o negocio", remarca.

Neste caso decidíronse a reabrir a terraza porque xa implantaran o servizo a domicilio en novembro. "Xa que temos que estar aquí aproveitamos e puxemos dúas mesiñas na terraza. Pero sen o servizo a domicilio, evidentemente non compensa e encima con este tempo", recoñece Suárez apoiando aos compañeiros do sector que apostaron por manter o enreixado baixado.

A necesidade de facturar de moitos autónomos deste gremio obrigounos a abrir as súas portas ante a mínima oportunidade. "O que ten poucas mesas e moitos empregados non abre, pero se es autonomo e tes unhas mesas pagas e déixanche poñer a metade, si. Estamos en quebra", detalla Ramón Pedras, dono da Cata.

"Todo o que cae na rede é peixe", explica cunha metáfora mariñeira a importancia da escasa recadación que conseguirán estes días. "Queremos abrir e que nos deixen traballar", reivindica o hostaleiro. 

Con máis humor tómao José Amoedo, dono da cafetería América, que reabriu este venres o seu local. "Decidín abrir porque hai moitas separacións e divorcios. E dixen: 'vai ser unha solución, así están entrentenidos'", chancea o empresario para quitar importancia ao drama que está a atravesar o sector. "Con tres mesas sabemos que non imos facer moita cousa, pero estamos desexosos de non oxidarnos. A ver se para a semana que ven podemos volver ter a xente dentro con todas as precaucións porque a enfermidade non a queremos", confía un esperanzado Amoedo.

O que é seguro é que non existe ningunha alerta vermella, nin a da covid nin a meteorolóxica, que rompa o compromiso da cidadanía pontevedresa cos seus hostaleiros. Neste gris primeiro fin de semana de regreso das terrazas, as mesas están ocupadas. E cando a pandemia pase, o número de cadeiras nas prazas da Boa Vila seguirá quedándose curto.