Desmantelan unha festa con 26 persoas nun baixo da Praza do Teucro

Pontevedra
07 de decembro 2020

Foron as denuncias dos veciños os que puxeron en alerta á Policía Local sobre este local, dedicado no pasado ao alugueiro de disfraces. Xa pasara noutras ocasións, pero os axentes nunca acharan evidencias destas festas

Local da Praza do Teucro usado para festas privadas
Local da Praza do Teucro usado para festas privadas / PontevedraViva

Ata 26 persoas estaban nun baixo da Praza do  Teucro. Participaban, segundo a Policía Local, nunha festa ilegal. Foi o pasado venres, sobre as sete e media da tarde, o primeiro día no que se relaxaron as medidas de restrición pola covid-19.

Esta intervención policial é, segundo o goberno municipal, a de maior entidade realizada pola Policía Local no marco dos seus labores de vixilancia para que se cumpran as restricións aprobadas polas autoridades sanitarias.

Foron as denuncias dos veciños os que puxeron en alerta á Policía Local sobre este local, dedicado no pasado ao alugueiro de disfraces. Xa pasara noutras ocasións, pero os axentes nunca acharan evidencias destas festas.

Tras chamar dúas veces, dous mozos abriron a porta do local. Un deles explicou que o baixo era propiedade dun familiar e que o estaban usando habitualmente como local de ensaio. Asegurou que dentro, ademais deles dous, había unha terceira persoa.

O forte cheiro a tabaco que procedía do interior fixo sospeitar aos axentes había máis actividade da que estes dous mozos recoñecían. Así que, tras escoitar máis voces, comezaron a inspeccionar o local.

A medida que ían a avanzando, segundo recolle o atestado policial, foron aparecendo máis persoas. Dúas delas estaban mesmo escondidas debaixo dunha manta. Así, nunha primeira inspección localizáronse a preto dunha vintena de mozos.

Pero aínda apareceron máis, ata un total de 26, cando os axentes abriron unha porta que daba cara un patio interior. Alí ocultábanse máis asistentes a esta festa ilegal.

Ademais, a Policía Local achou evidencias dentro do baixo comercial que demostrarían que non era a primeira vez que se celebraban reunións deste tipo, saltándose as restricións impostas pola alta incidencia en Pontevedra da pandemia da covid-19.

As 26 persoas identificadas foron denunciadas por reunirse sen ser conviventes e recibirán unha sanción que oscila entre os 600 e os 3.000 euros.

Un deles recibirá unha segunda multa de igual contía porque é de Vilagarcía de Arousa e, por tanto, non respectou o peche perimetral decretado en Pontevedra, Marín e Poio.

O propietario do local, a pesar de non estar presente, será multado con entre 3.000 e 20.000 euros por permitir a celebración desta festa.

Ademais, abriráselle un expediente de disciplina urbanística por usar o baixo para unha actividade para a que non ten licenza. Dependendo da gravidade que fixen os técnicos municipais, a súa multa podería alcanzar os 600.000 euros.

OUTRAS DENUNCIAS

Ao longo da pasada semana, a Policía Local sancionou tamén a outras cinco persoas por reunirse sen ser conviventes e a catro persoas por non respectar o toque de queda.

A portavoz do goberno municipal, Anabel  Gulías, explicou que o Concello deu orde á Policía Local para que aumente a vixilancia na cidade, especialmente en zonas onde se producen aglomeracións como a Praza da Verdura, a Rúa da Historia ou as inmediacións de Concepción Arenal e a rúa Emilia Pardo Bazán.

Ademais, tamén se reforzará esta presenza policial na contorna do mercado de abastos e nas rúas máis comerciais de Pontevedra ante a inminente campaña de compras do Nadal.