Sanidade asegura que a evolución de Pontevedra "segue sendo boa" pero pide "moita prudencia"

Pontevedra
07 de decembro 2020

Pontevedra, sinalou García Comesaña, "vai camiñando" cara a unha incidencia por baixo dos 150 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos sete días, o que permitiría se se cumpre o resto de parámetros relaxar as actuais restricións

Xente con máscaras nun día chuvioso
Xente con máscaras nun día chuvioso / Mónica Patxot

A situación da covid-19 en Galicia mantense "estable", segundo os últimos datos. Así o asegurou este luns en Pontevedra o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Iso si, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a evolución, engadiu, "segue sendo boa".

Pontevedra, sinalou García Comesaña, "vai camiñando" cara a unha incidencia por baixo dos 150 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos sete días, o que permitiría se se cumpre o resto de parámetros relaxar as actuais restricións.

Se esta tendencia mantense nos próximos días, segundo o titular da sanidade galega, "poderá haber novidades" na reunión que manterán o venres as autoridades sanitarias.

A pesar desta melloría, Sanidade pediu " moita prudencia" para evitar repuntes.

No caso concreto da cidade de Pontevedra, os casos activos por covid-19 caeron ata os 246, dezaseis menos que onte, segundo informou o goberno municipal.

Marín, pola súa banda, reduciu en dous o número de contaxiados e ten 56 casos activos; mentres que en Poio hai actualmente 48 casos activos. Son tres menos que este domingo.

Dentro dos municipios no máximo nivel de alerta pola covid-19, tamén se reduciron os contaxios en Sanxenxo, onde hai 64 casos activos (dous menos); Cambados, que ten 47 dos seus habitantes contaxiados (tres menos).

Vilagarcía é, pola contra, o punto que máis preocupa a Sanidade. Nela detectáronse trece novos infectados por covid-19 en apenas 24 horas, o que eleva o número de casos activos a un total de 100.

No resto da área sanitaria, Sanidade publica os datos dos novos contaxios que se produciron no últimos catorce días, que deixan situacións dispares entre municipios.

As maiores incidencias rexístranse en Vilaboa (39), O Grove (36), Meaño (19), Soutomaior (16), Bueu (14), Ribadumia 14), Meis (14), Ponte Caldelas (14), A Illa de Arousa (13), Cerdedo-Cotobade (10) e Caldas de Reis (10).

Pola súa banda, nas dúas últimas semanas os contaxios de covid-19 non superaron os nove nos municipios de Cuntis, Vilanova de Arousa, Barro, Moraña, Portas e A Lama. 

En Campo Lameiro non se rexistraron contaxios, segundo os datos de Sanidade.