Durante as últimas horas realizáronse 575 probas PCR na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés co resultado de 41 novos casos positivos. Nestes momentos, esta área conta con 899 casos con infección activa por coronavirus.
Desta cifra 40 persoas atópanse hospitalizadas en planta: 34 atópanse no Hospital Montecelo, 3 pacientes son atendidos no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e outras 3 peramencen no Hospital do Salnés. A estes números hai que sumar os 9 pacientes con covid que se atopan na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
850 casos positivos atópanse nas súas vivendas con seguimento da súa enfermidade. En total, segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade, hai 72 casos menos que na xornada anterior.
Nas últimas horas falecían dúas persoas por coronavirus nesta área sanitaria elevando a 62 o número de mortes nesta zona desde o inicio da pandemia. As dúas últimas vítimas son unha muller de 95 anos que perdía a vida en Montecelo, onde ingresou procedente da residencia de Vilaboa; e un home de 90 anos, que falecía no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez, procedente da residencia Soremay de Pontevedra. Ambos contaban con cadros clínicos nos que figuraban patoloxías previas, segundo a información facilitada pola xerencia da área sanitaria.
GALICIA
En Galicia, o número de casos positivos sitúase en 5.996 pacientes. dos que 322 están ingresados en plantas de hospital mentres que 50 persoas atópanse en Unidades de Coidados Intensivos. Nas últimas horas confirmáronse 232 novos casos activos.
Na comunidade autónoma cuantifícanse 1.273 mortes por coronavirus desde o inicio da pandemia. Durante as últimas 24 horas, a Consellería de Sanidade notificaba 16 novos falecementos.