5 novos casos covid na residencia Soremay de Pontevedra, que alcanza os 61 positivos entre usuarios e persoal

Pontevedra
08 de decembro 2020

Dous usuarios e tres traballadores deste centro deron positivo nas últimas horas, de maneira que xa son 41 maiores e 20 profesionais os que están enfermos de coronavirus neste centro. O dato positivo procede da Residencia DomusVi Ribadumia onde 10 usuarios e 1 traballador ofreceron resultado negativo. Neste centro aínda permanecen 17 persoas infectadas

Residencia Soremay en Pontevedra
Residencia Soremay en Pontevedra

O Sergas emitiu este martes os datos de persoas enfermas de coronavirus nas residencias de Galicia. Entre os datos destaca que se detectaron cinco novos casos activos na Residencia  Soremay de Pontevedra: dous usuarios e tres traballadores.

Con estes novos positivos, nesta residencia hai actualmente 41 persoas maiores infectadas con aloxamento no centro mentres que 20 traballadores tamén están afectados. En total, o brote sitúase en 61 persoas. Nas últimas horas falecía un home de 90 anos procedente desta residencia no Hospital QuirónSalud a consecuencia do virus.

Segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de Saúde, hai 330 usuarios de residencias de maiores en Galicia que se atopan enfermas de covid-19. Entre os que se atopan, ademais dos 41 de Soremay, 36 enfermos na Residencia Pontevedra de Vilaboa, cinco na Residencia DomusVi de Ribadumia e un na Residencia Nosa Señora Valvanera, do municipio de Cambados. 

Tamén hai 191 traballadores infectados polo virus en toda a comunidade autónoma, que nesta área alcanzan a cifra de 14 na Residencia Pontevedra de Vilaboa, os 20 da Residencia Soremay e 12 na Residencia DomusVi de Ribadumia. Neste último centro, durante as últimas horas as probas  PCR mostraron resultados negativos en 10 usuarios e un traballador que padecían coronavirus.