Descende o número de infeccións na Residencia Soremay

Pontevedra
20 de decembro 2020

Esta residencia de atención a persoas maiores en Pontevedra chegou a contabilizar máis de 60 casos activos de coronavirus entre o persoal e os residentes no centro. Este domingo, o Servizo Galego de Saúde indica que nas instalacións permanecen 18 usuarios enfermos, ademais de 9 traballadores que evolucionan nos seus domicilios

Residencia Soremay en Pontevedra
Residencia Soremay en Pontevedra / Cristina Saiz

Os momentos máis complicados como consecuencia da infección do coronavirus parecen quedar atrás na Residencia Soremay de Pontevedra. Este centro de atención a persoas maiores chegou a superar os 60 casos activos a principios do mes de decembro, entre usuarios e persoal.

Durante o últimos dez días foron descendendo os casos nesta residencia. Este domingo 20 o Servizo Galego de  Saúde (SERGAS) notifica que no centro conta con 27 persoas contaxiadas. 18 destes positivos son usuarios e os outros 9 son empregados que se atopan recuperándose da súa enfermidade nos seus domicilios. 

Durante este período rexistráronse 5 falecementos por coronavirus en Hospitais de Pontevedra procedentes desta residencia. Nas últimas horas 11 usuarios ofreceron resultado negativo nas probas, que se suman aos cinco usuarios e seis traballadores do centro que tamén se recuperaban na xornada entre o venres e o sábado.

Segue sendo preocupante a situación na Residencia Pontevedra, do municipio de Vilaboa. Alí, segundo os datos da Consellería de  Sanidade, permanecen 20 residentes enfermos por  covid e contabilízanse 10 traballadores coa infección.

Por último, na Residencia DomusVi Ribadumia oito integrantes do persoal laboral constan como casos activos pero xa, desde hai días, non hai usuarios coa enfermidade.