Sanidade levanta o peche en Ponte Caldelas, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Meis e Ribadumia

Ponte Caldelas
21 de decembro 2020

Quedará sen efecto o peche perimetral decretado en todos eles, polo que os seus habitantes poderán saír e entrar dos seus respectivos municipios. Neles, a hostalería poderá abrir ata as once da noite e ocupar un 50% do seu aforo interior e un 75% das súas terrazas. As reunións sociais estarán limitadas a un máximo de seis persoas e haberá toque de queda entre as 23:00 e as 06:00 horas

Xuntanza do comité clínico de Sanidade
Xuntanza do comité clínico de Sanidade /

Cinco municipios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés lograron manter controlada a incidencia da covid-19 na última semana e, por tanto, terán menos restricións.

Tras analizar a evolución epidemiolóxica de Galicia, o comité clínico acordou que Ponte Caldelas, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Meis e Ribadumia pasen ao nivel básico de restricións, no que están a maior parte dos concellos galegos.

Iso significa, como principal cambio, que quedará sen efecto o peche perimetral decretado en todos eles, polo que os seus habitantes poderán saír e entrar dos seus respectivos municipios.

Neles, a hostalería poderá abrir ata as once da noite e ocupar un 50% do seu aforo interior e un 75% das súas terrazas. As reunións sociais estarán limitadas a un máximo de seis persoas e haberá toque de queda entre as 23:00 e as 06:00 horas.

No resto dos concellos da área sanitaria non hai cambios. Tampouco na cidade de Pontevedra, que se manterá no nivel de restricións medio-alto, xunto con Poio e Marín. Meaño e Vilagarcía, cada un pechado por separado, seguirán neste mesmo nivel.

A pesar diso, as autoridades sanitarias avanzan que nos próximos días haberá unha vixilancia especial sobre Vilagarcía de Arousa, polo nivel actual de  contagios.

O nivel alto, o máximo que recollen os indicadores de Sanidade, seguirá activo en Sanxenxo, O Grove, Cambados e Bueu; mentres que o nivel medio só estará en Soutomaior.

O resto de municipios da área están, como o resto da comunidade galega, no nivel básico de restricións.