Un home de 77 anos, nova vítima por covid-19 no Hospital Montecelo

Pontevedra
20 de decembro 2020

A Consellería de Sanidade notificaba a morte nas últimas horas deste home no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Con esta nova vítima, o número de falecidos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ascende a 76 persoas desde que se comezaron a notificar as mortes por coronavirus

Urxencias do Hospital Montecelo
Urxencias do Hospital Montecelo / Mónica Patxot

A Consellería de Sanidade notificaba este domingo 20 de decembro a morte de tres persoas diagnosticadas por coronavirus en Galicia durante as últimas horas. 

Entre estas vítimas atópase un home de 77 anos, que perdía a vida no Hospital Montecelo. Con este novo falecemento xa ascende a 76 o número de decesos motivados pola covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés desde que se iniciaron os recontos de mortes por esta enfermidade. Segundo sinalan desde a Consellería, o paciente non viña derivado de residencia de maiores, pero si contaba cun historial clínico no que figuraban outras enfermidades previas.

Tamén falecía nesta xornada unha muller de 96 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e outra muller de 85 no Complexo Hospitalario de Ourense. Nos seus informes médicos tamén constaba a presenza de patoloxías previas.

Con estas tres mortes cuantificadas este domingo, en Galicia faleceron 1.341 persoas desde o inicio desta situación de continxencia sanitaria.