Tres falecementos no Complexo Hospitalario de Pontevedra elevan a 65 as mortes por covid na área sanitaria

Pontevedra
08 de decembro 2020

Dúas mulleres, de 97 e 81 anos de idade, procedentes da residencia de Vilaboa e un home de 70 anos perdían a vida por culpa do coronavirus durante as últimas horas no Hospital Montecelo nunha xornada en que o número de falecementos notificado pola Consellería de Sanidade en toda Galicia é de 8 pacientes

Entrada a Urxencias do Hospital Montecelo
Entrada a Urxencias do Hospital Montecelo / Mónica Patxot

Tres persoas faleceron nas últimas horas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), vítimas do coronavirus nunha quincena na que se suceden as mortes por esta enfermidade nos hospitais de Pontevedra e O Salnés.

Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade trátase dun home de 70 anos de idade e de dúas mulleres, de 81 e 97 anos, procedentes da residencia de Vilaboa. As tres vítimas presentaban cadros clínicos nos que figuraban enfermidades previas, segundo o Servizo Galego de Saúde.

Con estas tres novas mortes, a cifra de falecementos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ascende a 65. A residencia de Vilaboa continúa sendo un dos focos importantes e que máis falecementos está a provocar nas últimas semanas no CHUP. Este mesmo luns falecía outra muller, de 95 anos de idade, procedente deste centro para maiores.

Durante esta xornada do martes 8 de decembro en Galicia o número de falecidos ascende a oito persoas. Aos casos de Pontevedra súmanse unha muller de 93 anos de idade que perdía a vida no Complexo Hospitalario de Ferrol; dous homes de 74 e 93 anos, no Complexo Hospitalario de Santiago; outro home, de 93 anos, no Hospital Lucus Augusti de Lugo, que procedía da residencia de Vilalba e, por último, unha muller de 80 anos no Complexo Hospitalario de Ourense, procedente da residencia San Antonio de Beariz. En todos os casos, as vítimas contaban con patoloxías previas.

O número de falecidos en Galicia por coronavirus desde o inicio da pandemia sitúase en 1.281 persoas.