A vixésima edición da Festa do Mar en Poio chega esta próxima fin de semana cun programa condicionado pola situación sanitaria. Eventos que se suprimen, outros que se modifican e que tamén se expanden xa que non só desenvolveranse na parroquia de Combarro, senón tamén en Raxó.
Arrincará este venres 20 co Encontro de Embarcacións Tradicionais que organiza desde hai vinte e cinco anos o Club Mariño A Reiboa. Unha cita que "xa é un clásico de verán e que pon en valor a tradición e a historia vinculada á nosa costa grazas ao labor encomiable que realiza o Club", sinalou o Concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez.
A organización vese obrigada a limitar o número de embarcacións e de tripulantes e o prazo de inscricións conclúe o 18 de agosto. Pola mañá será a recepción de participantes, pola tarde apertura das exposicións e o sábado será a xornada de navegacións e regatas con entrega de trofeos ás 21.30 horas. O domingo haberá ocasión de volver velas cunha navegación libre.
Ademais ás 11.00 horas do domingo, sesión de pasacalles con Os Queimatasas e ás 19.00 horas con Vides Novas. Ás 21.30 horas o Concello ofrece un concerto a cargo da Orquestra Marbella, con asentos e entrada libre ata completar aforo.
Armadiña Rock
Tamén para esta próxima fin de semana en Combarro, o Armadiña Rock - organizado pola Asociación Armadiña. Na Praza da Chousa o venres ás 21.45 horas, actuación do dúo acústico Monoulious DOP e ás 23.15 horas The Tetas' Van. O sábado cos mesmos horarios e emprazamento, Cuarta Xusta e Dakidarria. Para acudir a todos eles é necesario reservar os tickets de entrada na plataforma Woutick! xa que o aforo está limitado. As sesións de pasacalles estará animadas por Mekánika Rolling Band, A Banda do Patio e Pandereteiras de Ronsel.
Nesta edición Armadiña non ofrece a posibilidade de realizar acampadas para cumprir coas normas sanitarias con motivo da pandemia. Tamén por este motivo os espectáculos musicais restrínxense a un máximo de trescentas persoas.
O Armadiña Kids, a programación dirixida aos menores, ofrece o venres un taller de debuxo e música tradicional con Laura Romero e Juan Álvarez ao mediodía e o sábado ás 19.00 horas Pakolas e Laura Romero. Ambos na Escola do Campo con reserva previa en [email protected]. Ademais o sábado terá concerto de Ramona Órbita.
Raxó a última fin de semana de agosto
Unha das novidades desta "atípica edición" é a decisión de ampliar o programa a parroquia de Raxó, onde as actividades terán lugar durante a última fin de semana de agosto. Así o o xoves 26 abriranse as exposicións e ás 19.30 horas haberá pasacalles coa Escola de Música Tradicional. Ás 22.00 horas nas proximidades de Leopoldo Nóvoa comezará o concerto do grupo canario Efecto Pasillo (tamén con reserva de entrada en Woutick!
O venres 27 ademais de ambientación con pasacalles, ás 20.00 horas ofrecerase o espectáculo clown 'Acrocircus' e ás 22.00 horas actuación da orquestra La Ocaband. "Se o sector cultural está castigado, este de as orquestras máis" apuntou Martínez, engadindo que é unha "aposta firme" do Concello, polo que posiblemente en setembro haberá algunha actuación máis de orquestras.
A Festa do Mar irá concluíndo o domingo 28, con navegación de embarcacións tradicionais ás 17.00 horas; Os Queimasantas e espectáculo infantil con Martiña Soñadora, no peirao e a partir das 21.00 horas pechará o programa a Charanga Europa.
Os habituais a esta cita anual coa Festa do Mar, botarán de menos a mostra gastronómica e o festival de canción mariñeira, que dadas as condicións e emprazamentos nos que se celebraban tiveron que caer da programación.