A Semana Santa pontevedresa entra na súa recta final tras a procesión do 'Santo Enterro'

Pontevedra
15 de abril 2017

Sete confrarías pontevedresas participaron na procesión do Venres Santo que partiu da Basílica de Santa María despois da misa das 20:00 horas. Tras a vixilia pascual deste sábado, a Procesión do Encontro do Resucitado coa súa Nai a Virxe María poñerá fin o domingo aos actos da Semana Santa na cidade

Procesión do Santo Enterro en Pontevedra
Procesión do Santo Enterro en Pontevedra / Diego Torrado

Coa tradicional e multitudinaria procesión do 'Santo Enterro', Pontevedra entra na recta final de actos da súa Semana Santa.

As sete confrarías pontevedresas participaron na marcha, que como cada ano partiu da Real Basílica de Santa María tras a misa das 20:00 horas para completar un percorrido por Santa María, a praza de España, Riestra, Oliva, García Camba, Peregrina, Soportais, Manuel Quiroga, Don Filiberto e Alhóndiga concluíndo de novo na basílica

Tras a Cruz parroquial procesionaron El Calvario con Cristo Crucificado de la Cofradía do Corpo Santo do Gremio de Mareantes; Nuestra Señora del Amor Hermoso da Cofradía de Nuestra Señora del Amor Hermoso; La Virgen del Mayor Dolor da Cofradía del Mayor Dolor; Nuestra Señora de las Angustias da Cofradía del Silencio; El Cristo Yacente da Cofradía de Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas; La Virgen de la Misericordia da Cofradía de la Vera Cruz y Misericordia; e La Santa Cruz da Cofradía del Espíritu Santo.

Este sábado é a quenda da vixilia pascual, pechando os actos da Semana Santa pontevedresa este domingo, ao finalizar a misa das 19:00 horas, a Procesión do Encontro do Resucitado coa súa Nai a Virxe María.