A Sétima Feira tamén abre no verán

Pontevedra
15 de xullo 2017

Pechada por vacacións ata despois do verán, a Sétima Feira inaugurou este sábado, por segundo ano consecutivo, a súa tenda efémera, na que participan unha vintena de novos creadores e que está situada no local que ocupaba a antiga Bolera

Inauguración da tenda efémera da Sétima Feira
Inauguración da tenda efémera da Sétima Feira / PontevedraViva

Está oficialmente de vacacións ata despois do verán, no que se refire ao seu formato habitual no Mercado de Abastos, pero a Sétima Feira tamén abre no período estival.

Este sábado, por segundo ano consecutivo, inaugurouse a tenda efémera que dá continuidade a esta iniciativa e na que se ofrecerá un escaparate a unha vintena de novos deseñadores e artistas.

A tenda da Sétima Feira está situada no local que ocupaba a antiga Bolera, na rúa Laranxo, e permanecerá aberta ata o próximo 31 de agosto en horario de luns a sábado de 11:00 a 14:00 e de 19:00 a 22:00 horas.

As firmas que participan nesta ocasión son: LMDI Collection, Hipsterkids, Degerónimo, Estrellas o limones, Leonlagata, Doppiache, Lagasca Vintage, Xiro Atlantic Denim, Sea Bones, LLoria, Mágicos Gagarin, Pot, Miolos Design, Charriá Ceramics, Abi Castillo, Supervillano, Black Whale Project, Tom & Boy, Green Wall Gardens e Meteoro.

Durante o tempo que permaneza aberta está previsto realizar actuacións musicais en vivo de grupos como Soul Breakers, Palito, The Barn Bros, Gold & Colt, Mushu, Furious Monkey House, The Trunks, Frank, Flip Corale e Cora Sayers.