A subida do combustible tamén amarra a frota: "ou temos propostas inmediatas ou o sector pesqueiro vaise a pique"

Marín
19 de marzo 2022

A frota seguirá amarrada ata a reunión que se manterá co ministro Planas o mércores 23: "a sustentabilidade do sector pesqueiro agora mesmo está nas súas mans”. O paro afecta a unhas 200 confrarías e 40.000 afiliados, case 9.000 deles son propietarios de embarcacións

Barcos pesqueiros na Illa de Arousa (arquivo) Mónica Patxot

As protestas do sector do transporte polo elevado prezo do combustible tamén se fan extensivas a outro sector, o da frota pesqueira. Os barcos decidiron que amarrarán en todo o país ata o vindeiro mércores 23 de marzo, unha decisión que afectará a todos os portos das comarcas de Pontevedra, O Salnés e O Morrazo

A decisión adoptárona o Comité Executivo e a Comisión Permanente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, "de forma urxente e extraordinaria", pola " gravísima situación" que atravesa o sector pesqueiro derivado do aumento do prezo do combustible. 

Acordouse na noite do venres e a frota seguirá amarrada ata a reunión que se manterá co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, o vindeiro mércores día 23 de marzo ás 17:00 horas.

Segundo datos oficiais da Federación de Confrarías, o paro afecta a unhas 200 confrarías e 40.000 afiliados, case 9.000 deles son propietarios de embarcacións.

O patrón maior de Burela e presidente da Federación Nacional de Confrarías, Basilio Otero, Basilio Otero lamentou que a frota pesqueira de España está a pasar un momento " gravísimo", por iso decidimos amarrar os nosos barcos en todo o país, ata que a reunión co ministro xa que "a sustentabilidade do sector pesqueiro agora mesmo está nas súas mans”.

O sector advirte que "ou temos propostas firmes, contundentes ou inmediatas ou o sector pesqueiro vaise a pique".