O Concello de Poio destinará preto de 44.000 euros para acometer a dotación dunha nova superficie no pavillón polideportivo do CEIP Lourido. Así o confirma a concelleira responsable da área de Deportes, Marga Caldas, que lembra que estas instalacións xogan un papel moi importante para o tecido deportivo do municipio, ao seren utilizadas de xeito habitual por diferentes clubs e deportistas.
A edil do Goberno local explica que este proxecto permitirá que "o pavillón pase a contar cunha superficie cunhas condicións óptimas para poder acoller competicións federadas", o que "sen dúbida servirá para garantir unha mellor coordinación no que ao seu uso se refire".
En concreto, o orzamento destinado a estas obras ascende a un total de 43.920,16 euros, IVE engadido. Marga Caldas sinala que os traballos, unha vez estean adxudicados, terán unha duración aproximada dunha semana. Ademais do servizo que o pavillón ofrece á comunidade educativa do CEIP Lourido, a pista tamén verá incrementada o seu uso nos vindeiros meses, en canto comecen as obras de renovación no interior do multiusos da Seca. "Estas obras provocarán o seu peche temporal, pero para entón o pavillón de Lourido estará en condicións óptimas para acoller competicións federadas e adestramentos", aseverou Caldas Moreira.
Esta medida únese á batería de actuacións que desde a Concellería de Deportes se están a impulsar nos últimos meses para mellorar as infraestruturas deportivas. Unha delas leva en marcha xa varias semanas e consiste na renovación do céspede sintético do campo de fútbol da Reiboa, na parroquia de San Xoán. Grazas a estes traballos, o recinto pasará a contar cunha nova superficie de última xeración, homologada pola FIFA. A empresa responsable dos traballos é OPSA, cun orzamento superior aos 200.000 euros, IVE engadido.
Esta mellora do céspede da Reiboa súmase tamén aos traballos que o Concello de Poio desenvolveu para mellorar e apostar polo mantemento das pistas exteriores, así como o dos circuítos da Escola de Ciclismo.