Durante as últimas horas están a cancelarse reservas nos hoteis de Pontevedra para este mes de marzo. A alarma xerada pola expansión do coronavirus provocou a suspensión de eventos no municipio e a consecuencia destas cancelacións sófreas directamente o sector hostaleiro.
Paula Lourido, presidenta da Asociación de Hostaleiros de Pontevedra, sinala que esta situación é normal ante as circunstancias excepcionais que están a afectar no ámbito internacional. "Hai que ser cautos", afirma a máxima representante deste sector "e ver as medidas que se van adoptando" por parte das autoridades sanitarias. En relación con estas anulacións apunta a que "o raro sería que non as houbese".
Patricia Sierra, directora do Hotel Galicia Palace, sinala que máis que cancelacións individuais están a verse afectados pola suspensión de eventos como os Xogos Nacionais de Trasplantados e outras convocatorias previstas para este mes de marzo, que provocaron unha baixa na reserva de habitacións xa que algún destes actos xa se anunciou que van realizarse por vídeoconferencia.
A ocupación neste momento, admite, está moi por baixo en comparación con estas mesmas datas durante 2019. Detéctase, sobre todo, no descenso de visitantes procedentes de Madrid. Con todo, Patricia Sierra, afirma que o balance deberá facerse cando finalice o mes para comprobar de que maneira afectou esta situación.
Pola súa banda, Paula Lourido, recoñece que se suspenderon viaxes e eventos pero sinala que "non temos un botón que diga que foi por coronavirus". A responsable do Hotel Madrid afirma que nestes momentos tería que comezar unha boa tempada turística coa mellora da meteoroloxía e a chegada da Semana Santa a principios de abril, pero asegura que é preferible que os eventos se apracen a outra época do ano antes de que agora chegue a producirse algún contaxio polo COVID-19.