A televisiva Carlota Corredera, unha voluntaria máis na Gran Recollida do Banco de Alimentos

Pontevedra
03 de decembro 2017

A Fundación Provincial Banco de Alimentos superou os 300.000 quilos de alimentos recadados na provincia este fin de semana. Co recadado, prevese chegar ás 25.000 persoas ás que atende en toda a provincia, polo menos, ata a primavera de 2018

Carlota Corredera na quinta Gran Recollida Solidaria do Banco de Alimentos
Carlota Corredera na quinta Gran Recollida Solidaria do Banco de Alimentos / Diego Torrado

A presentadora do coñecido programa de televisión 'Sálvame', Carlota Corredera, visitou este sábado Pontevedra como unha voluntaria máis da Gran Recollida Solidaria do Banco de Alimentos realizada en supermercados de toda a provincia. 

Como embaixadora e madriña da quinta Gran Recollida, a xornalista e produtora acudiu ao hipermercado Froiz situado na rúa Cobián Roffingnac e traballou de xeito conxunto con varios alumnos do colexio Internacional SEK-Atlántico. 

Durante a súa xornada de voluntariado, a presentadora puxo en valor a "sensibilidade" e "empatía" dos alumnos cos que compartiu quenda e cualificou como unha "honra" poder realizar esta acción, xa que é así como entende a fama, poder utilizala en favor de causas importantes como a do Banco de Alimentos.

Esta GRS2017, unha das accións máis importante para o Banco de Alimentos pola súa envergadura e loxística, desenvolveuse entre este venres e este sábado nuns 50 hipermercados e supermercados de Pontevedra cidade, así como das comarcas do Salnés e Deza, durante o horario comercial de cada superficie. 

Uns 500 voluntarios mobilizáronse por localidades como Pontevedra cidade, Marín, Vilagarcía, Arcade e Sanxenxo para realizar quendas de catro horas e, coas súas petos identificativos do Banco de Alimentos, facilitaron as doazóns de comida que as persoas quixeron entregar. 

Ao remate da xornada, a Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo indicou que superara os 300.000 quilos de alimentos recadados durante a fin de semana. A cifra é provisional, pero a ONG xa valora que supón un éxito e sinala que cos alimentos non perecedoiros recadados prevese chegar ás 25.000 persoas ás que atende en toda a provincia, polo menos, ata a primavera de 2018.