A tradicional pegada de carteis abre a campaña para as segundas eleccións xerais de 2019

Pontevedra
01 de novembro 2019

Candidatos, militantes e simpatizantes de PSdeG-PSOE, PP, BNG e Galicia en Común-Unidas Podemos sumáronse á medianoite deste xoves para este venres á tradicional pegada de carteis que abre a campaña electoral. A choiva deu unha tregua xusto no momento no que, coas badaladas das doce, os políticos podían empezar a pedir o voto  ptrebuchet>

Tradicional pegada de carteis na Alameda para a campaña das eleccións xerais do 10N Diego Torrado

O pasado 28 de abril supuxo, por primeira vez, que o PP deixase de ser o partido máis votado na provincia de Pontevedra, converténdose o PSdeG-PSOE na primeira forza, con tres deputados dos sete en disputa. Os 'populares' lograron dous e tamén lograron acta a coalición En Común-Unidas Podemos e Cidadáns, cunha deputada cada un.

En Pontevedra, tan só o PP cambia de cabeza de cartel de cara ás eleccións municipais do 10 de novembro. Seis meses atrás a candidata número 1 ao Congreso era Ana Pastor, que nesta ocasión lidera a candidatura por Madrid. No seu lugar, encabeza a lista a alcaldesa de Marín, María Ramallo. 

A candidata 'popular' estivo acompañada pola secretaria xeral do Partido Popular de Pontevedra, Pepa Pardo, e arroupada por membros da xunta local do Partido Popular, afiliados e simpatizantes e, no seu primeiro discurso de campaña, criticou a inacción e deixamento do goberno socialista. Así, declarou que en ano e medio, "non achegou ningunha solución aos problemas que temos en Pontevedra.

O PSdeG-PSOE repite candidatura liderada por Olga Alonso e co pontevedrés Guillermo Meijón como número dous. Precisamente, Meijón realizou a tradicional pegada na Alameda, acompañado pola candidata ao Senado Marica Adrio e por cargos do partido na cidade como o portavoz e a secretaria xeral locais, Tino Fernández e Maica Larriba, actual subdelegada do Goberno en Pontevedra.

Os socialistas xa avanzaron unha campaña -de tan só unha semana nesta ocasión- na que van pasar moito tempo nas rúas de tódalas cidades, pobos e vilas da provincia, con tres mítins centrais en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, pero cun forte acento de proximidade coa cidadanía con actos informais, paseos e encontros a pé de rúa. Saen decididos a facer todo o posible por conseguir o cuarto deputado, dos sete que reparte a provincia, no Congreso co obxectivo de que Pontevedra "contribúa a desbloquear definitivamente a situación en España". 

Tamén o BNG repite cartel, coa concelleira pontevedresa Carme da Silva como número 1 ao Congreso. Na pegada de carteis estivo arroupada por outros candidatos da lista e polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e defendeu o seu partido como "a única candidatura de país que non ten obediencia a Madrid e que vai respostar ás necesidades da sociedade galega".