A tramitación dos orzamentos retómase tras o "imprevisto" causado por Aduanas

Pontevedra
16 de novembro 2015

Segundo Raimundo González nestes momentos están a ocuparse das contas dos organismos autónomos: o Pazo da Cultura e o Instituto Municipal de Deportes (IMD), así como do persoal de persoal. "Entre hoxe e mañá agardamos rematar con estes asuntos", sinalou o concelleiro de Facenda

Xuntanza dos voceiros dos cinco grupos políticos representados no Concello
Xuntanza dos voceiros dos cinco grupos políticos representados no Concello /

O concelleiro de Facenda, Raimundo González, informou este luns que "seguimos traballando" na elaboración do orzamento municipal tras o "pequeno parón" da pasada semana debido a un "imprevisto", causado pola intervención dos axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira.

Segundo Raimundo González nestes momentos están a ocuparse das contas dos organismos autónomos: o Pazo da Cultura e o Instituto Municipal de Deportes (IMD), así como do persoal de persoal.

"Entre hoxe e mañá agardamos rematar con estes asuntos", sinalou o concelleiro de Facenda.

Desde o Partido Popular tamén se mostran dispostos a axilizar a tramitación do novo orzamento e, por iso, anunciaron este luns que convocará a Comisión de Economía para que cada grupo municipal poida mostrar o seu posicionamento sobre o avance entregado polo goberno local á oposición hai dúas semanas.

A pesar do afirmado polo edil Raimundo González, os populares sosteñen que o feito de que durante todo este tempo non se produciron avances neste documento débese a que o BNG os mantén "estancados" mentres buscan apoios para poder aprobalos.

O único partido que se "atopa en condicións" de apoiar ao BNG, segundo Rafael Domínguez, sería Ciudadanos aínda que, na súa opinión, "sería estraño que fosen o salvavidas dos nacionalistas" ante as directrices marcadas polo seu líder nacional, Albert Rivera.

"Ciudadanos deberá elixir: ou apoiar a Pontevedra rexeitando uns orzamentos claramente inxustos ou seguir sendo o comodín dos nacionalistas", afirmou o edil do PP.