A túa creatividade pode ilustrar o cartel da Feira Taurina da Peregrina 2019

Pontevedra
05 de maio 2019

A Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra convoca a quinta edición do concurso de carteis da Feira Taurina de Peregrina. O premio está dotado de cincocentos euros

Praza de touros de San Roque Juan Mejuto

Por quinto ano consecutivo a Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra fixo público o concurso que convoca a fin de ilustrar o cartel oficial para a próxima Feira da Peregrina que terá lugar no mes de agosto. 

Pode concorrer ao mesmo calquera persoa, residente ou non en Pontevedra, a condición de que se axuste ás bases establecidas no concurso. Isto é: técnica libre nun formato de cen centímetros de alto por setenta de ancho. No cartel debe aparecer o texto "Feria Taurina de la Peregrina 2019. Plaza de Toros de Pontevedra". A Coordinadora se reserva a potestade de inserir o seu escudo no cartel anunciador, así como modificar o que puidese aparecer no orixinal e modificar o emprazamento para a composición definitiva do cartel premiado.

Só poderase participar cunha única obra, orixinal e inédita. Deberá ir montado sobre un soporte ríxido para valoración do xurado e a súa posible exposición posterior. Ademais, estarán convenientemente embalados. De igual forma presentaranse sen firma do autor e cun lema que ha de aparecer escrito en parte posterior do cartel. Xunto a este entregarase un sobre pechado no que tamén  figurará o mesmo lema escollido.

Dentro do sobre constará nome, apelidos, domicilio, número de teléfono e fotocopia do Documento Nacional de Identidade do autor da obra. Será obrigatoria igualmente no interior do sobre, unha declaración asinada na que o autor indicará que o cartel que presenta é orixinal e inédito.

Non poderán presentarse obras finalistas en anteriores edicións. Poderanse entregar de luns a venres - laborables -, de 10.30 horas a 13.30 horas na rúa Echegaray 36, baixo (Ferretería Echegaray) e rúa Marquesa 6, baixo ( Maxcopy). O prazo de admisión de carteis a concurso concluirá o cinco de xuño. 

O xurado que determinará cal é o cartel gañador está composto por responsables da Coordinadora, penas pertencentes á mesma, persoal e empresario da praza de touros de Pontevedra, un licenciado en Belas Artes e medios de comunicación. Os membros do xurado farán unha selección previa de cinco carteis. Entre estes finalistas determinarase un primeiro e único premio.  Posteriormene abrirase un prazo de alegacións ás obras que se publicarán na páxina web da Coordinadora e no seu perfil de Facebook.