A última descendente viva da linaxe dos Soutomaior, Yolanda Rey Junquera-Huergo, visitou esta semana a Casa Museo de Colón.
Na visita estivo acompañada do seu marido, Prometeo Madarnás Nebot, e de Pedro Martín e Lino J. Pazos, membros da asociación Galicia Histórica.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes agradeceu a súa visita, e compartiu con eles a teoría da ascendencia galega de Cristóbal Colón.
"É unha honra contar coa súa visita, compartir con eles unha parte tan importante da historia do noso concello, e agradeceu a súa xenerosidade para que toda a cidadanía desta provincia poida gozar da súa doazón", dixo o alcalde.
Procedente de Canadá, Yolanda Rey é unha firme valedora da teoría que defende a dualidade da persoa de Cristóbal Colón e Pedro Madruga, e hai xa un tempo entregou á Deputación de Pontevedra documentos que confirman a súa hidalguía, asinados por Felipe V, e obxectos da época, como mobles ou lámpadas, para ser exhibidos no Castelo de Soutomaior.
De feito, tamén foron recibidos en Pontevedra polo presidente da Deputación, Luis López.
Tamén nesta visita aproveitaron para reunirse cos estudosos de Cristóbal Colón, Ángel Carracelas e Rodrigo Cota.