Poio presenta o Día de Colón en Baiona a bordo da carabela Pinta

Poio
16 de outubro 2023

Membros do goberno local de Poio trasladáronse a Baiona, para presentar na Carabela Pinta a programación do Día de Colón que se desenvolverá este venres 20 e o sábado 21 de outubro  

Programación do Día de Colón
Programación do Día de Colón / Concello de Poio

A teoría que defende a ascendencia galega de Colón non se entendería sen Poio, sen Baiona e sen Soutomaior. Nesta ocasión, membros do goberno local de Poio trasladáronse a Baiona, para presentar na Carabela Pinta a programación do Día de Colón que se desenvolverá este venres 20 e o sábado 21 de outubro.

O que busca dende o Concello de Poio é establecer futuras colaboracións e irmandamento entre os dous concellos para seguir divulgando e poñendo en valor a figura do Colón de Portosanto, accións que servirán tamén para promocionar esta festa medieval.

Os alcaldes de Poio e de Baiona, Ángel Moldes e Jesús Vázquez Almuiña, estiveron acompañados por representantes das asociacións Combrus, Laretas e Vides Novas , que colaboran coa organización desta festa medieval.

Segundo salientaron, o éxito desta festa reside na implicación de todos os colectivos.

Este venres e sábado as rúas do centro histórico de Combarro encheranse de ambiente e animación medievais, cunha programación pensada para todas as idades.

O alcalde, Ángel Moldes, manifestou que "o obxectivo desta festa, ademais de que contribúa ao desenvolvemento socioeconómico do concello, tamén favorecerá a desestacionalización, atraer visitantes e incentivar o consumo fóra da tempada de verán". 

De igual modo, con esta celebración tamén se seguirá "reivindicando a figura do Colón galego, do Colón de Portosanto, en definitiva do Colón de Poio. Como todo o mundo recoñece, esta festa serviu para afianzar a relación da figura do navegante con Poio e dar visibilidade ao propio museo".