A UNED presenta os once cursos formativos para este verán en Pontevedra

Pontevedra
09 de xuño 2023

Os once cursos formativos se desenvolverán ao longo do mes de xullo en modalidade presencial, en liña e en diferido, e contarán coa participación de profesores e profesoras de todas as áreas do coñecemento, así como especialistas nacionais e internacionais de diferentes organismos e universidades

Presentación dos cursos de verán da UNED
Presentación dos cursos de verán da UNED / Concello de Pontevedra

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co director do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, Víctor Manuel González Sánchez, e do deputado provincial, Carlos López Font, presentou este venres os cursos de verán que a UNED ofertará este 2023 na provincia.

En total serán 11 cursos que se desenvolverán ao longo do mes de xullo en modalidade presencial, en liña e en diferido, e contarán coa participación de profesores e profesoras de todas as áreas do coñecemento, así como especialistas nacionais e internacionais de diferentes organismos e universidades.

Esta oferta de cursos acada este ano o seu 34 aniversario, coincidindo co medio século como centro activo da UNED, e ofrecendo a maior oferta e cobertura territorial do Estado tocando ramas na área das Humanidades e Artes, Ciencias Xurídicas, Psicoloxía e Saúde; sen deixar de lado os cursos de idiomas e formacións en Ciencias como Enxeñería Informática.

A matriculación está dispoñible ata o comezo de cada un dos cursos e non é necesario posuír ningún título previo para poder cursalos. Ademais, terán matrícula reducida os maiores de 65 anos, desempregados, vítimas de violencia de xénero, ademais daqueles pertencentes á comunidade da UNED, entre outros grupos, presentando a documentación pertinente en cada caso.

O director da UNED en Pontevedra, Víctor Manuel González Sánchez, asegurou que "fixemos unha aposta moi potente este ano", mentres que o deputado en funcións Carlos Font destacou o "servizo que presta este centro asociado ao conxunto da provincia", unha tarefa "que as institucións e a cidadanía valoran e que un día precisará un recoñecemento por todo o que a UNED significa para Pontevedra e para as persoas que recorren ao seu método de ensinanza".

En canto aos cursos de verán, sinalou que "son unha idea excelente e cunha oferta inmellorable", e destacou "que cobren o conxunto da provincia e permiten ao alumnado investir o seu tempo en ampliar coñecementos sobre temas moi variados como a economía circular, as redes sociais ou o cambio climático".

Por último, Lores lembrou que a UNED conta con 6.000 anuncios de ensinanza regrada neste intre, mais chegan até 25.000 cos que están facendo cursos de formación a través da mesma, o que fai que o de Pontevedra sexa o centro "máis potente do Estado nese sentido". "Cómpre resaltar que moitas persoas que hoxe teñen unha titulación non a poderían ter, por mor das súas condicións económicas e persoais, se non fose pola UNED" que ademais "axuda a que a cidade sexa unha cidade universitaria aínda máis, a crear unha cidade creativa, con posibilidades de futuro".

OFERTA DE CURSOS

  • Centro Penitenciario da Lama: 'La Igualdad como Valor, Principio y Derecho Fundamental", do 26 ao 28 de xuño.
  • Lalín: 'Experiencias innovadoras en Educación Infantil en el marco de la LOMLOE', do 17 ao 19 de xullo.
  • O Porriño: 'Efectos del cambio climático en España y la problemática de su comunicación', do 5 ao 7 de xullo.
  • Pontevedra: 'Estrategias de Economía Circular', do 10 ao 12 de xullo, e 'Intercambios artísticos entre al-Andalus y los reinos cristianos en la Edad Media', do 10 ao 12 de xullo.
  • Pontevedra y Escola Naval de Marín: 'Retos para la seguridad de España: una perspectiva público-privada'.
  • Portas: '¿Fin de ciclo? Elecciones y encuestas', do 12 ao 14 de xullo.
  • Tui: 'Dis/capacidad: sexualidad, violencia y otros desafíos contemporáneos', do 19 ao 21 de xullo.
  • Vigo: 'Mujeres: Arte y Cultura en la Edad Media y la Edad Moderna', do 3 ao 5 de xullo, e 'Redes sociales, tecnologías y metodologías emergentes en la enseñanza y aprendizaje de lenguas', do 3 ao 5 de xullo.
  • Online: 'Legal English for the European Union: What lies ahead?', do 3 ao 5 de xullo.

A información completa e concreta de cada pode ser consultada na web oficial do centro www.unedpontevedra.es e a través do número de teléfono 986 851 850.