A Unión Europea investiga se é ilegal a ampliación do Real Club Náutico de Sanxenxo

Sanxenxo
16 de setembro 2016

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo comunica que admite a trámite a denuncia que presentara SOS Panadeira en marzo

Protesta de SOS Panadeira no desfile de Entroido e concurso de disfraces de Sanxenxo
Protesta de SOS Panadeira no desfile de Entroido e concurso de disfraces de Sanxenxo / Diego Torrado

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo ven de admitir a trámite a denuncia presentada neste organismo o pasado mes de marzo por SOS Panadeira e anunciou que lle pedirá á Comisión Europea que efectúe unha investigación sobre se no proxecto do Real Club Náutico de Sanxenxo se está a infrinxir a lexislación da Unión Europea (UE), tal e como demandou o colectivo pontevedrés.

O colectivo SOS Panadeira presentou o pasado mes de marzo unha solicitude á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo denunciando que a ampliación do Real Club Naútico de Sanxenxo "supón a privatización de dúas praias urbanas", A Iriña e A Panadeira.

SOS Panadeira considera no seu escrito que este proxecto perpetra un "descalabro medioambiental" e incumpre as directivas europeas.

Cecilia Wikström, presidenta da Comisión de Peticións, ven de remitir unha comunicación a SOS Panadeira informando de que a súa petición foi examinada e que o organismo europeo decidiu que os asuntos plantexados cumpren os requisitos de admisión a trámite, por tratarse dun "asunto que incide no ámbito de actividades da UE ". 

Segundo fixo público AGE, nesta comunicación se informa tamén de que a Comisión de Peticións iniciou xa o exame da solicitude e decidiu "pedirlle á Comisión Europea que leve a cabo unha investigación preliminar sobre os diferentes aspectos do problema", proseguindo o exame da denuncia.