A Universidade instalarase no edificio da Xunta en Benito Corbal a finais de xuño

Pontevedra
23 de abril 2021

O reitor da Universidade, Manuel Reigosa, visitou as obras xunto ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e detallou os usos que dará a estas tres plantas que se dedicarán a espazos de traballo, a grupos de investigación, á nova titulación de Deseño e a potenciar o Campus Crea

Visita de Alfonso Rueda e Manuel Reigosa ás plantas do edificio da Xunta en Benito Corbal onde se instalará a Universidade de Vigo
Visita de Alfonso Rueda e Manuel Reigosa ás plantas do edificio da Xunta en Benito Corbal onde se instalará a Universidade de Vigo / Mónica Patxot

As obras das plantas quinta, sexta e sétima do edificio adminsitrativo da Xunta en Benito Corbal entran na súa fase final e estarán terminadas a finais de xuño para dar acubillo a espazos de traballo, de formación e investigación do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o reitor Manuel Reigosa; e o vicerreitor do campus pontevedrés, Jorge Soto, percorreron este venres as tres plantas que o executivo autonómico cederá á Universidade en pleno corazón da Boa Vila.

"Este edificio vai ser un pulmón de talento", dixo o vicerreitor Soto durante a súa intervención, na que puxo en valor o potencial do Campus Crea, que engloba as ramas de Arte, Comunicación, Educación, Deporte, Saúde, Administración e Medio Ambiente ás que pertencen as 25 titulacións que se imparten na Xunqueira.

A intención do equipo directivo da Universidade é empregar a quinta planta deste edificio para un coworking, a sexta, para formación; e a sétima, para espazos de traballo e investigación. "Este edificio incrementará o valor académico do campus de Pontevedra, que crece cada día", engadiu Soto.

No mesmo sentido pronunciouse o reitor. "É importante estar no corazón da cidade e este edificio vai ser importante tamén para a docencia, a investigación e a transferencia", dixo Manuel Reigosa, facendo fincapé nos tres piares sobre os que traballa o reitorado da Uvigo.

Concretou o dirixente algúns dos usos que darán a estas instalacións. Un grupo de investigación liderado polo doutor Mario Pansera, ao que a cidade e o proxecto da Universidade de Vigo convenceron para establecerse en Pontevedra e rexeitar ofertas doutras universidades. Tamén haberá espazo para a docencia da titulación de Deseño, que incorporará a curto prazo converténdose na sétima universidade de España en ofrecer esta rama.

Estas tres plantas resultarán tamén fundamentais para fortalecer o Campus Crea a través de laboratorios específicos e de uso compartido.

O encargado de pechar a presentación foi o vicepresidente Rueda, que destacou o traballo realizado polo reitorado da Universidade de Vigo e tamén a riqueza que xerou a restauración deste edificio para a cidade.

"O edificio estaba en ruína", lembrou o mandatario popular para subliñar que agora conta cunhas oficinas de emprego modernas, locais para o tecido asociativo da cidade, tres plantas para a Universidade de Vigo e unha oitava, que se inaugurará pronto, para a Fundación Manuel Moldes, que contará con dúas salas polivalentes para realizar exposicións.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora